Os delitos de odio en Galicia incrementáronse case un 71% no 2021

Do total, 58 casos estarían relacionados coa LGTBIfobia, segundo un estudo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

Un estudo elaborado pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual Alas A Coruña constata un incremento dos delitos de odio en Galicia, con 82 casos en 2021, un 70,83% máis en relación ao ano anterior, e con 58 "que poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGTBI galega".

Dos 82 casos, 41 foron na Coruña, aínda que, segundo os autores do estudo e en relación á comunidade LGTBI, non é que na cidade herculina haxa "máis LGTBIfobia, senón que a xente anímase máis a denunciar".

Así o manifestou Pablo Zas, un dos autores do informe 2021 do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, publicado baixo o título 'Sacando as cores'. Fíxoo na presentación do documento no consistorio coruñés coa presenza tamén da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira.

AXUDA PSICOLÓXICA

Zas explicou que a poboación que maior uso fai do servizo do observatorio ten "entre 15 e 34 anos" e unha das demandas que máis se repiten nestas idades é o acceso a gabinetes de psicoloxía "que lles axuden no seu día a día"

"O aumento de público é notable e consecuentemente tamén aumentan as denuncias", puntualizou sobre os casos contabilizados. "Ata que estes datos non se comecen a estabilizar non se poderá facer unha análise de se aumenta ou diminúe". Neste sentido, Neira destacou a importancia da "visilibización" dos delitos e que "cada vez sexa menos difícil ou máis fácil" dar o paso de denunciar este tipo de condutas.

MÁIS CONSULTAS

Este cuarto informe reflicte que en 2021 este servizo ofrecido por Alas Coruña realizou 354 atencións a 201 persoas diferentes de 15 nacionalidades distintas. Estas cifras levan un incremento dun 40% nas atencións e dun 76% no número de usuarios respecto ao ano anterior. En canto aos incidentes de odio, o informe sinala que o principal escenario foi a vía pública, seguida de moi lonxe, apunta, polo ámbito doméstico.

Técnico do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, Pablo Zas, e a concelleira de Benestar Social do Concello da Coruña, Yoya Neira, presentan os resultados do informe 2021 publicado baixo o título 'Sacando as cores'. ANDY PÉREZ
Técnico do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, Pablo Zas, e a concelleira de Benestar Social do Concello da Coruña, Yoya Neira, presentan os resultados do informe 2021 publicado baixo o título 'Sacando as cores'. ANDY PÉREZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta