A Deputación rehabilitará o convento de Santa Clara para que forme parte do Museo de Pontevedra

Esta intervención situará a provincia "no mundo", dinala a presidenta da Deputación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2022 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra asinará un convenio de cesión para entregar o convento de Santa Clara á Deputación co obxectivo de que a institución provincial o rehabilite e o convirta no sétimo edifico do Museo Provincial.

O anuncio hase oficializado este mércores nunha rolda de prensa celebrada na igrexa deste espazo conventual, na que estivo presente a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e o vicepresidente provincial e deputado responsable do Museo, César Mosquera, así como o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rei, e a xefa de xestión, Sonia Mateos.

César Mosquera avanzou que, unha vez asinado o correspondente convenio de cesión, a Deputación lanzará un concurso internacional de proxectos para que os estudos de arquitectura achegar solucións á recuperación do espazo. Ademais, avanzou o vicepresidente, buscarán financiamento "para rehabilitalo, case integramente, canto antes".

A cesión do convento de Santa Clara para que forme parte do Museo fora sempre a idea que barallaban ambas as institucións desde que o Concello adquiriu o cenobio á congregación das clarisas. "Pero optamos pola prudencia", dixo Mosquera, que vinculou a decisión final aos "traballos do estudo arqueolóxico".

"Con excepción da igrexa, que está bastante ben, o convento hai que restauralo por completo", comentou Mosquera. O concello comprou o convento fai nove meses por 3,2 millóns de euros, aínda que "a ninguén se lle escapa" que a súa rehabilitación "será máis cara que a adquisición do propio convento", dixo o vicepresidente, unha actuación que cualificou de "moi ambiciosa".

Tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra prometeu que a rehabilitación de Santa Clara vai situar " no mundo" Pontevedra, avanzando así a intención do Goberno provincial de que a intervención no edificio e nos seus xardíns sexa unha referencia internacional. "Debemos protexer o noso patrimonio porque somos o que construímos e o que herdamos", declarou.

Ante a dimensión que ten este proxecto, a presidenta provincial dirixiu unha mensaxe á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado: "Esperamos que as demais administracións tamén lle dediquen recursos". O propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores aclarou que o concello da capital se ofrece "a colaborar na rehabilitación e no mantemento".

A intención de ambas as administracións é que os xardíns do convento sexan de acceso público, mesmo que poida servir de patio de xogos para o próximo colexio de Barcelos, cara a onde se proxecta facer unha entrada na muralla do recinto de Santa Clara. Lores tamén confirmou que o concello mantén negociacións para adquirir a sede as Obras Misionales Pontificias, anexa ao convento, a través da que se abriría outro dos accesos ao xardín.

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta