Crónicas desde a guerra: A primeira muller reitora da Universidade Karazin desafía os bombardeos rusos en Kharkiv

Tetyana Kaganovska é a única muller que dirixiu esta Universidade, fundada en 1804 nos tempos do Imperio Ruso. A reitora asumiu o cargo hai pouco máis dun ano e tocoulle a difícil tarefa de xestionar a institución mentres a forzas de Moscova tentaban ocupar Kharkiv. Algúns estudantes decidiron fuxir, pero Oleksandra Frodorova, de 20 anos, decidiu rematar nesta cidade o seu último curso académico.

Por Miriam González | Kharkiv, Ucraína | 06/10/2022 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Algunhas facultades e edificios administrativos da Universidade Nacional V.N. Karazin de Kharkiv non sobreviviron os ataques rusos. Nesta urbe do leste de Ucraína os bombardeos forman parte do cotián, xa que está situada a menos de corenta quilómetros da fronteira coa Federación Rusa. A situación mellorou trala contraofensiva das forzas ucraínas -o pasado mes de setembro- que conseguiron expulsar aos rusos de case toda a rexión, pero o perigo e bombardeos continúan. “O destino da nosa Universidade está vinculado a cidade de Kharkiv” explica a reitora Tetyana Kaganovska cando fala da relación ineludible entre o organismo que preside e a metrópole. Foi precisamente a influencia desta institución a que fixo posible que Kharkiv pasase de ser unha pequena vila no século XIX a converterse na segunda cidade máis grande do país. 

A estudante Oleksandra Frodorova
A estudante Oleksandra Frodorova | Fonte: Miriam González

A día de hoxe a Karazin é un dos centros académicos de referencia xa que aquí formáronse tres premios Nobel: Ilia Méchnikov, biólogo, o economista Simon Kuznets e o físico Lev Landau. Os bustos dos tres laureados presiden a entrada do monumental edificio principal desta Universidade. O pasado deste organismo convive cos máis recentes episodios históricos polos que atravesou o pais. Nesta sé principal hai dúas placas conmemorativas que recordan a aqueles estudantes que no 1941 combateron contra a ocupación nazi, -heroes da URSS- e os que faleceron loitando na guerra do leste do país en 2015 e 2016.

Tetyana Kaganovska recibe a Galicia Confidencial no seu despacho tras unha viaxe que realizou a Barcelona para afianzar lazos cás institucións homólogas dos países da Unión Europea. A alarma antiaérea sona de fondo pero xa transformou nun son habitual para os habitantes da cidade. “Todas as noites imos durmir e sabemos que haberá un bombardeo. A mañá seguinte damos grazas por seguir vivos e volvemos ao traballo”, destaca Tetyana, que é doutora en Dereito.

O sistema educativo desta institución académica comezou anos atrás o proceso de adaptación ós estándares da UE e teñen máis de 200 convenios firmados con universidades do vello continente. Un dos últimos memorandos asinouse o pasado mes de xuño cá Universidade de York do Reino Unido. Ademais, este centro participa dende hai anos nos programas de Erasmus Plus e Aurora.

“O noso obxectivo é sobrevivir e seguir mellorando. Son momentos difíciles, durante moito tempo o estatus e a historia da nosa universidade foi algo fundamental. Agora estamos ante una gran proba”. Os estudantes conseguiron rematar os seus cursos no anterior ano académico, a pesares de que xusto cando comezaba o segundo semestre Rusia iniciou a invasión a gran escalada de Ucraína. Tetyana recorda como foron os primeiros compases da guerra: “Todo o mundo estaba frustrado e nervioso. Non sabíamos o que podía acontecernos nin a nós mesmos nin a propia cidade. O máis importante para min foi darlle todo o necesario os estudantes e os profesores. Naquel momento había case 60.000 estudantes na localidade, dos que uns 4.500 eran estranxeiros”.

Valerii Rieznikov, decano da Facultade de Relacións Internacionais, Negocios e Turismo, fronte o edificio da súa facultade destruido
Valerii Rieznikov, decano da Facultade de Relacións Internacionais, Negocios e Turismo, fronte o edificio da súa facultade destruido | Fonte: Miriam González

Cando no mes de abril conseguiron corroborar que todos os seus alumnos e profesores estaban seguros retomáronse de novo as aulas. Aínda con ataques de artillería rusa constante o proceso educativo non foi danado xa que tiñan un sistema para poder estudar a distancia implantado durante a pandemia da Covid-19.  Actualmente todo o sistema educativo nesta rexión segue realizándose de forma telemática. Algúns estudantes doutros países continúan matriculáronse nesta Universidade, sinala a reitora, subliñando que a este centro acudían “estudantes de todo o mundo”.

EVITAR A FUGA DE CEREBROS

A guerra que Rusia comezou contra Ucraína deixou á cidade Kharkiv orfa. Os estudantes xa non pasean polos grandes parques e as avenidas desta metrópole con aires soviéticos e reminiscencias do século XIX. É como imaxinar Compostela sen o rebulir estudantil de cada mes de setembro. 

A destrución de edificios emblemáticos por todo o centro deixou unha estampa triste, pero a vida nas súas rúas trata de recompoñerse pouco a pouco. Kharkiv é a capital dos estudantes de Ucraína, explica Valerii Rieznikov, decano da Facultade de Relacións Internacionais, Negocios e Turismo. Pero a educación a distancia é máis complicada e este conflito provocou que “vida estudantil se perdese. Ese é un período moi querido por todas as persoas que pasan pola Universidade”, sinala o decano fronte o edifico derruído onde estudou e deu clase ata que un bombardeo ruso o deixou inservible en marzo de 2022.

Aínda que trata de ser optimista, Valerii recoñece que moitos dos seus mellores estudantes matriculáronse noutras universidades de Ucraína ou continúan as súas carreiras fora do país. “ A situación é horrible, este ano só temos un 50% de matriculados fronte a máis do 90% que había o ano pasado”. A Universidade Karazin, a pesares das perdas materiais causadas pola guerra, seguen tendo capacidade para formar aos alumnos, sinala. Por este motivo non deixa de traballar para ofrecer a mellor formación para os seus estudantes. “Aínda que a guerra acabe, Kharkiv quedará nunha zona complicada, por iso teño que buscar novas propostas para que que veñan non só os estudantes ucraínos senón tamén os europeos, africanos e asiáticos”: 

Ademais de ser decano da facultade de Relación Internacionais, Valeríi é experto en diplomacia e xeopolítica e recoñece que a ameaza de uso de armas nucleares por parte de Rusia debe tomarse en serio, aínda que confía en que non pasará.

ESTUDAR A CARREIRA NUN PAÍS EN GUERRA

Moitos estudantes deixaron o país dende o pasado 24 de febreiro, pero algúns decidiron quedar e matricularse nesta Universidade. Oleksandra Frodorova ten 20 anos e este será o seu último curso académico. Estuda relacións internacionais e tanto ela coma a súa familia decidiron quedar en Kharkiv a pesares de que esa decisión podía poñer fin as súas vidas. “Confiábamos en que os rusos non tomarían esta cidade, xa que é unha fortaleza”, afirma Oleksandra nun perfecto inglés. Aínda que o principio foron días de moita ansiedade e só estudaba, ela quería colaborar ca vitoria do seu país. Cando abriu o centro de prensa de Kharkiv comezou a traballar como administrativa e tradutora.

Eu podo axudar na fronte informativa. Non só se está loitando no campo de batalla. É preciso que mostremos as atrocidade de Rusia na nosa terra”.  Esta moza recoñece o cambio que supuxo esta guerra para a súa cidade e, “agora volveuse máis patriótica” aínda que continua sendo una cidade de maioría ruso falante. A cuestión de lingua non é un problema en Kharkiv, subliña Oleksandra: “Ninguén nos di o idioma no que debemos falar, somos un país libre. Os ucraínos entendémonos polas nosas ideas sobre a na terra e o noso amor por Ucraína”.

A guerra tamén transformou a novas xeración deste país que na súa gran maioría, di Oleksandra, aspiran a un futuro dentro da Unión Europea. Ela tiña pensado ir a estudar fora, pero agora quere quedar en Ucraína, traballar aquí e formar a súa familia. “Despois de que festexemos a vitoria viaxarei a España, xa que tamén estou a estudar esa lingua”. O futuro do país estase pelexando nestes momentos e facer plans non é unha tarefa sinxela, pero non faltan os ánimos dos mozos que queren seguir adiante.

Tetyana Kaganovska, reitora da Universidade Nacional V.N. Karazin no seu despacho
Tetyana Kaganovska, reitora da Universidade Nacional V.N. Karazin no seu despacho | Fonte: Miriam González
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta