Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2022 | Actualizada ás 19:43
Ledicia Costas, co seu poemario 'Ultraluz' e baixo a lema Kodama, gañou a 'XX edición do Premio de Poesía Afundación', que a entidade convoca xunto co Centro PEN de Galicia, con patrocinio da Xunta. A esta edición presentáronse un total de 32 obras inéditas.
A resolución do xurado coñeceuse este xoves. Formaron parte do tribunal Estíbaliz Espinosa, Ánxela Gracián e Luciano Rodríguez, como representantes vocais e profesionais da escrita; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado.
Ademais dos integrantes do xurado, no acto tamén estiveron o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo Suárez, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero.
O xurado considerou que este libro de poemas é "un exercicio de claridade e autenticidade poética" cunha "decidida vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque, logrando unha interacción entre as referencias ao mundo animado e á ciencia ficción". Ademais, estima que hai unha interpelación ao lector "como axente activo, convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o asombro e o sombrío".
Pola súa banda, o director xerente de Afundación manifestou o seu convencemento da necesidade de manter un premio que "xa é un referente do panorama literario galego", ou en palabras de Medo Romero, a "gran distinción deste ámbito" en Galicia. Por mor da celebración número 20, Afundación está a preparar unha antoloxía do premio, conformada por unha selección de poemas da vintena de persoas galardoadas neste certame, que incluirá a Ledicia Costas.
Pola súa banda, Anxo Lorenzo destacou que a galardoada se incorpora á "ampla nómina de premiados" e puxo en valor a permanencia e consolidación do premio que celebra 20 anos de historia, un dos premios máis veteranos do panorama literario galego.
PREMIO
O galardón, que implica a publicación do libro 'Arte de trobar' e unha dotación económica de 6.000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e Afundación.
No seu elenco, figuran como gañadores Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Lanuxe, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande e Medos Romeu, gañadora da anterior edición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.