Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/10/2022 | Actualizada ás 15:14
Delegados e delegadas da área Pública da CIG (Administración Pública, Ensino e Saúde) concentráronse, ante a Delegación do Goberno, en rexeitamento ao "pacto de perdas" que o Goberno central e os sindicatos CCOO e UGT acordaron "e que suporá que o persoal empregado público perda ao redor dun 10% do seu poder adquisitivo no próximos tres anos", indica.
"Non é xa que non se recupere a capacidade adquisitiva que levamos perdida desde o ano 2010, que se calcula na contorna dun 20%, senón que se pacta que sigamos perdendo salarios en 2022, 2023 e 2024", denunciou o portavoz da área Pública da CIG e secretario nacional de CIG-Administración, Luís Carballo.
Ademais, subliña que o incremento acordado para este 2022 "é dun 3,5% (o 2% xa aplicado en xaneiro e o 1,5% que se aplicará en decembro nunha paga única), cando o IPC de setembro alcanzou case o 9%".
En similares termos pronunciouse en relación aos dous próximos anos o representnte sindical, quen sostivo que, ante un contexto de carestía da vida, "o Goberno contempla para o seu persoal unha suba prevista en tres anos que nin sequera permite recuperar o poder adquisitivo perdido en 2022".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.