Crónicas desde a guerra: Chuvia de mísiles contra civiles en Mikolaiv, a "cidade heroica"

Un bloque de vivendas, un inmoble comercial e unha estación de bombeiros de Mikolaiv, a capital provincial que está máis preto da fronte, quedaron destruídos despois do ataque da forzas de Moscova durante a noite do 12 de outubro. Esta é a crónica de como vive o día a día unha cidade que Rusia incorporou ao seu territorio, pero que segue sendo ucraniana.

Por Miriam González | Mikolaiv, Ucraína | 14/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Artiom, un neno de 11 anos, estivo máis de cinco horas baixo os cascallos do seu edificio ata que os traballadores do Servizo de Emerxencias conseguiron rescatalo. “Nós vivíamos no primeiro piso deste inmoble que quedou totalmente derrubado, agora o meu fillo está no hospital. A súa condición é estable”, contaba Ruslan o pai do pequeno mentres intentaba de tranquilizar a súa muller. Horas máis tarde as autoridades rexionais anunciaban a morte do meniño. Ata o de agora sábese que polo menos catro persoas máis faleceron neste ataque. As labores de rescate duraron case toda a xornada xa que sete dos residentes do edificio quedaron baixo as ruínas. Foi una noite tráxica tamén para os Servizos de Emerxencias que perderon a un dos seus traballadores, Pavlo Katsan de 34 anos, cando facía garda nunha estación de bombeiros que foi alcanzada por unha bomba rusa.

Un bombeiro que participa nas labores de rescate fronte o edificio destruído en Mikolaiv
Un bombeiro que participa nas labores de rescate fronte o edificio destruído en Mikolaiv | Fonte: Miriam González

A Mikolaiv tocoulle ser unha “cidade heroica”. Foi neste lugar onde se pararon os avances das tropas rusas no sur do país cando trataban de chegar a Odesa -o porto marítimo máis importante de Ucraína- cando comezou a invasión a gran escala. Mikolaiv sufriu ataques continuos durante os últimos meses chegando a estar sen subministro de auga e tamén de luz. 

A pequena tregua para localidade durou so dúas noites e rematou cando oito mísiles s-300, segundo informou o gobernador da rexional, Vitalii Kim, espertaron os seus habitantes na madrugada. O edificio residencial que foi atinxido pola bomba rusa estaba situado a menos de mil metros do centro da cidade, nun barrio tranquilo rodeado de árbores, parques infantís e fronte a unha das grandes avenidas da metrópole. 

“Perdemos todo o que tiñamos, pero non queremos irnos da nosa cidade. Este é o noso fogar”

"ESTE É O NOSO FOGAR"

Outros dos danos que sufriron estas persoas, máis alá de espertarse cando o teito dos seus pisos veu abaixo sobre as súas cabezas, foi a perda das súas casas. Olga, unha xubilada de 70 anos, na compañía das súas veciñas miraban como unha grúa derrubaba o fogar no que pasaron máis de medio século. “Perdemos todo o que tiñamos, pero non queremos irnos da nosa cidade. Este é o noso fogar”, sinala con bágoas nos ollos. Agora vivirán temporalmente nunha residencia e non queren pensar moito no futuro: “a situación aquí pode cambiar en dous minutos ¿quen pode pensar no que pasará maña?” subliña Olga. 

O señor Mikola conseguiu sacar só dúas pequenas bolsas do seu fogar, ten 63 anos e é veterano de guerra. Con paso apurado e arrastrando a perna que lle quedou ferida en conflitos xa pasados vai detrás dos parentes cos que se vivirá a partir de agora. Tamén quedou sen a súa casa. Non comprende o sentido desta invasión, el que pelexou con rusos durante a época soviética.

As carpas da Cruz Vermella Ucraína e un equipo de psicólogos atenden aos afectados que esperan para poder rescatar algunhas pertenzas máis. Nikita é un mozo de 16 anos que tamén perdeu o seu apartamento no bombardeo. Está co seu pai e a súa nai, ten un xesto e unha mirada triste, a pesares do susto tampouco abandonará a cidade e sinala que polo menos a súa familia sobreviviu, “non sei aínda se todos os meus veciños están ben”, apunta.

Mikolaiv continúa resistindo os ataques rusos que chegan desde Jersón, a única capital provincial de Ucraína -sen contar Donetsk e Lugansk- que está baixo control das forzas de ocupación rusas dende que comezou o conflito o 24 de febreiro.  Os óblast ucraínos de Jesón xunto con Zaporiya, Donetsk e Lugansk foron “anexionados” de maneira oficial o pasado 5 de outubro despois un referendo, promovido polo Kremlin, que non foi recoñecido pola comunidade internacional. 

Mikola non comprende o sentido desta invasión, el que pelexou con rusos durante a época soviética

A cidade trata de manter unha certa normalidade e os operarios encargados da restaurar os danos causados polos bombardeos rusos traballan cunha rapidez inaudita para arranxar todo o que foi destruído. Un dos principais problemas da localidade é o subministro de auga nalgúns barrios. Todos os días os veciños teñen que encher garrafas para poder abastecer os seus fogares. É complicado restablecer este servizo xa que os bombardeos son habituais.

ATAQUES MASIVOS

Rusia está cambiando a súa estratexia na guerra en Ucraína cunha escalada que se viu reflectida nos bombardeos contra a infraestrutura crítica do país. O 30% da rede de electricidade estaría danada, segundo The New York Times. O pasado luns 10 de outubro Moscova lanzou os maiores ataques aéreos dende o inicio da invasión contra varias cidades de Ucraína. Os mísiles de cruceiro, armas de precisión estratéxica, golpearon estacións termoeléctricas e fontes de subministro de auga. Tamén se empregaron drones de fabricados en Irán para atacar. 

O Kremlin decidiu lanzar case un centenar de mísiles contra Ucraína. O custo en vidas humanas foi de 10 persoas, pero localidades coma Lviv, a capital, Kiiv, ou Kharkiv sufriron importantes fallas eléctricas.  No mesmo centro de Kiiv caeron varios mísiles durante esa mañá. As autoridades ucraínas piden aos seus cidadáns que tomen medidas para o aforro enerxético e así poder aguantar o inverno. Ademais, Ucraína deixou de exportar electricidade a Unión Europea, o que supón tamén unha perda de ingresos económicos.

Analistas militares coinciden con que Rusia ten capacidade para danar este tipo de infraestrutura co risco de provocar graves problemas na capacidade loxística de Ucraína para continuar coa guerra. Con todo descoñecese o tamaño do arsenal ruso e o número exacto deste tipo de mísiles. 

As autoridades ucraínas piden aos seus cidadáns que tomen medidas para o aforro enerxético e así poder aguantar o inverno

Compre ter en conta tamén os efectos que terán para os civís a falta de auga, gas ou electricidade xusto cando o frío vai chegar. A pesares de que estes ataques son cualificados de “alta precisión”, non todos son así e cidades como Zaporiya ou Mikolaiv seguen sufrindo bombardeos contra zonas civís.

Os membros da OTAN anunciaron xa o envío de inhibidores de drones para protexer o ceo de Ucraína. Alemaña entregou tamén sistemas de defensa antiaérea IRIS -T e Madrid anunciou que aportará catro lanzadores de mísiles Hawk para axudar a defensa aérea do país. A cuestión é se armamento chegará a tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta