Por E.P. | Santiago | 09/11/2022 | Actualizada ás 18:33
Utilizar un bonobús ou tarxeta moedeiro similar que permita o transbordo pode chegar a ter unha diferenza de prezo dun 289,3% segundo a capital de provincia na que se atope o usuario.
É unha das conclusións da comparativa anual de tarifas de autobús urbano realizada por Facua-Consumidores en Acción en 57 cidades españolas, entre as que están todas as capitais de provincia, as dúas cidades autónomas, as capitais de comunidades autónomas que non son capitais de provincia e tres das cidades que teñen maior poboación que as capitais das súas provincias (Xixón, Jerez de la Frontera e Vigo).
A análise contempla as tarifas habituais de cada territorio, e non ten en conta os descontos aplicados de maneira excepcional polo Goberno ata final de ano.
O estudo de Facua mostra que Madrid, San Sebastián e Barcelona seguen sendo as cidades con tarifas máis caras cando se utiliza un bonobús ou tarxeta moedeiro similar con transbordo, igual que xa ocorría en 2021 e 2020. Mentres tanto, Lugo ten o billete sinxelo máis barato de todas (0,64 euros) e Santiago ten dos abonos múltiples con menor custo por viaxe (0,60 euros).
De media, viaxar en autobús utilizando un bono ou tarxeta recargable similar con transbordo (o que ofrecen 51 das 57 cidades analizadas) custa 0,77 euros. Resulta rechamante o caso de Cáceres, que inclúe esta categoría nas súas tarifas, e con todo, mantén o mesmo prezo que cando se utiliza unha viaxe sinxela, isto é, 1,10 euros, coa posibilidade, iso si, de facer transbordo (algo que non permite o billete ordinario).
Un usuario pode aforrar, de media, uns 0,47 euros por viaxe se utiliza un bonobús con transbordo en lugar do billete sinxelo ou univiaje.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.