O TSXG avala os servizos mínimos da folga que tivo lugar en setembro nos centros residenciais, de día e infantís galegos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2022 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou os servizos mínimos establecidos pola Consellería de Política Social e Xuventude nos centros residenciais, centros de día e escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar durante a folga convocada o pasado 5 de setembro de 2022.

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG desestima, desta forma, o recurso interposto pola Confederación Rexional do Traballo de Galiza contra a orde na que a Xunta especificou eses servizos mínimos, segundo informou o TSXG.

Os xuíces destacan que a folga convocada alcanzaba 46 xornadas de 24 horas cada día. Por iso, entenden que "non cabe restrinxir en demasía os servizos mínimos que se sinalen", pois, advirten, "podería levar o colapso dun servizo público esencial que afecta a persoas especialmente sensibles e desprotexidas", como son as maiores, dependentes e menores de 0 a 3 anos, que "merecen especial atención".

Esa duración, segundo indican na sentenza, "ten que computarse especialmente na ponderación entre o sacrificio para o dereito dos traballadores e os bens e intereses que se teñen que salvagardar", á vez que indican que tamén constitúe "unha diferenza substancial con folgas anteriores".

"DEBIDAMENTE XUSTIFICADOS"

Os maxistrados destacan na resolución que os servizos mínimos para as escolas infantís están "debidamente xustificados". Ademais, subliñan que son "proporcionados ao nivel de esixencia para atender o mínimo nas xornadas de folga e a fin de evitar o colapso do servizo esencial que prestan".

No fallo tamén engaden que o primeiro período de folga afecta ás primeiras xornadas do curso escolar (do 5 ao 16 de setembro), "coincidindo co tempo inicial de adaptación", de modo que se non se establecese un servizo mínimo que garantise unha persoa de referencia por aula, impediríase que as familias puidesen levar aos seus fillos ao centro ata o 19 de setembro, atrasando de feito o inicio de curso escolar e o dereito á conciliación das familias para o conxunto dos usuarios e, particularmente, para os menores de nova incorporación, "aos que normalmente a adaptación suponlles períodos comprendidos entre 15 días e un mes".

O TSXG asegura que "non pode ser máis lóxica a xustificación que se ofrece para o establecemento dos servizos mínimos que, por iso, teñen que reputarse necesarios e proporcionados ao contexto e contorna".

ERA O "MÍNIMO ESIXIDO"

Ademais, aclara que cos servizos mínimos fixados "non se garante o funcionamento ordinario das escolas infantís, senón o mínimo esixido na normativa aplicable (Decreto 329/2005, de 28 de xullo), que é de obrigado cumprimento para que poida producirse a atención aos/as nenos/as de 0-3 anos".

En canto aos centros de día, o alto tribunal galego tamén estima proporcionada a fixación de servizos mínimos, pois está "debidamente xustificada". En canto á fixación de servizos mínimos nos centros residenciais de Cerdedo e Cerceda, o TSXG recalca que tamén neste caso "a extensión temporal da folga xustifica o incremento dos servizos mínimos fixados". Contra a sentenza cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Crianzas nunha escola infantil
Crianzas nunha escola infantil | Fonte: Ana Varela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta