Antón Cortizas, premio Arume de Poesía para a Infancia

Os versos da Mariola fíxose con este premio organizado pola Fundación Neira Vilas.

Por Galicia Confidencial | | 16/12/2022 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O mestre e escritor Antón Cortizas fixose co premio Arume de Poesía para a Infancia grazas á obra 'Os Versos da Mariola'. O auditorio Neira Vilas da Cidade de Cultura foi o escenario deste acto literario organizado pola Fundación que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego.

Durante este acto tivo lugar a entrega do premio Arume a Antón Cortizas e a presentación dos libros premiados na edición de 2021: Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior. 

O premio Arume, o único en Galicia dirixido especificamente á infancia, é unha iniciativa conxunta da Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite (do grupo Leite Noso) e GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People). 

SOBRE A OBRA PREMIADA E O SEU AUTOR

"Os versos da mariola reivindica o xogo tradicional a través da poesía, unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día", indica a entidade organizadora nun comunicado.

Trátase dunha proposta lúdica, atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe. Así o salientou o xurado, composto por Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX, Rosalía Morlán e Pilar Sampedro, en representación, ambas as dúas, da Fundación Xosé Neira Vilas.

Antón Cortizas conta cunha traxectoria ampla e sólida no mundo da literatura infantil e xuvenil. En 1988 obtivo o Premio Barco de Vapor por Memorias dun río, galardón que recibiu de novo en 1995 con Os gritos das illas Lobeiras. A merla de trapo gañou o Premio Merlín 2001; Incrible invento de Solfis, a pianista, acadou o Premio da Mostra de Teatro Xeración Nós en 1994, e Xogando con gatos o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2014. Ademais, ten destacado no eido da investigación arredor dos xogos tradicionais (tema do poemario agora premiado), como autor de Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013 e Premio Losada Diéguez de Investigación 2014.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta