Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/01/2023 | Actualizada ás 21:00
A falta de natalidade é un dos grandes problemas da sociedade actual para moitos, que aseguran que o sistema de benestar basado nas pensións e na atención sanitaria pública non se poderá soster coa pirámida poboacional invertida. Para outros, no mundo sobra xente, pois o total da poboación mundial foise incrementando expoñencialmente dende o comezo da Revolución Industrial e afirman que os recursos non chegarán para todos.
En Galicia, a crise demográfica pon en xaque o futuro de moitos municipios, polo que as políticas de fomento da natalidade están cada vez máis en auxe. Por outra banda, as prioridades da sociedade actual non son as mesmas que no pasado. Hoxe por hoxe os obxectivos dos máis mozos son diferentes. Non teñen tampouco as mesmas oportunidades de traballo para estabilizar as súas vidas e poder animarse a formar unha familia.
Cada vez o acceso a postos de traballo fixos retrásase máis (e iso para quen o consegue) e as redes sociais están a facer moito dano na mentalidade dos máis novos, xerando falsas expectativas en relación á súa felicidade. Ser novo hoxe en día non é fácil. Como dicirlle á xeración máis preparada en séculos que o único que verá ante os seus ollos serán crises económicas e que probablemente a maioría nunca acaden retribucións á altura dos seus coñecementos?
Aproveitando este mundo cheo de contradicións, onde o políticamente correcto é o que prima, a marca de moda Scalpers lanzou un spot publicitario máis que arriesgado, un anuncio que ben podería ser de fai trinta anos. E para que nos demos conta de como cambiou a sociedade, o que fai 30 anos pasaría desapercibido, hoxe en día é 'trending topic'. Por que? Resumidamente, porque se basea nun prototipo de parella desfasado: home e muller brancos, heterosexuais, guapos e cunha boa vida que manteñen relacións para ter un fillo.
OBRA DE ARTE DENDE O PUNTO DE VISTA ARTÍSTICO PERO CUNHA MENSAXE DO SÉCULO PASADO
Dende o punto de vista artístico, é dicir, de planos utilizados e de imaxes escollidas, o anuncio é unha verdadeira obra de arte. Para facernos entender todos os momentos dunha relación sexual utiliza metáforas: descorcha unha botella, chama a un timbre, empaña os cristais dun coche, racha un papel de agasallo... Todo iso intercalando as imaxes dos protagonistas bicándose.
Pero máis aló dese valor visual, a mensaxe parece ser doutra época. Para comezar, as parellas protagonistas son todas brancas, home e muller, e cunha vida acomodada segundo demostran os seus actos e as súas vivendas. En ningún momento se trata de incorporar algún outro tipo de opción sexual que non sexa a heterosexualidade, nin de racializar a algún dos actores. Deste xeito, exclúese do público obxectivo da marca a todas aquelas persoas do colectivo LGTBI, negras, transxénero, latinas...
'Este ano a natalidade caeu ao seu mínimo histórico. O mundo precisa máis rebeldes'. Esa é a mensaxe final, acompañada dunha ecografía dun bebé, dando a entender que ser rebelde e ir contra o socialmente aceptado na actualidade é ter a familia tradicional de hai trinta anos. Se o que quería Scalpers era chamar a atención sen importar as formas, sen dúbida, logrouno, pois as redes sociais están agora mesmo que botan lume.
ONDE E QUEN CREOU ESTA EMPRESA DE MODA?
Scalpers é unha cadea de tendas de moda masculina, aínda que nos últimos anos incorporou tamén coleccións para mulleres e nenos, fundada en Sevilla no ano 2007. Actualmente contra cunha 140 tendas e outros puntos de venta (como no Corte Inglés) por España, Andorra, Chile, Ecuador, Emiratos Árabes Unidos, Francia, México e Portugal.
O máis interesante é que a firma foi fundada polo vixésimo duque de Feria (Rafael de Medina y Abascal, fillo do defunto décimo noveno duque de Feria e a 'top model' española Nati Abascal, nado en 1978) e os seus amigos, e fíxose coñecida polos seus traxes e corbatas elegantes, así como por poñer de moda unhas zapatillas que entre os editores de moda españois se asimilaban á 'jet set'.
Para moitos, trátase dunha cadea que promove o 'cayetanismo', é dicir, a imaxe dun 'pijo' rico chapado á antigua, tanto na forma de vestir como de pensar. E non é de extrañar tendo en conta que o duque de Feria pertence a unha das familias máis importantes da España monárquica: a Casa de Medinaceli, sendo neto de Victoria Eugenia Fernández de Córdoba, décimo oitava duquesa de Medinaceli.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.