Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2023 | Actualizada ás 13:49
A campaña do Bono Cultura da Xunta de Galicia pechou 2022 xerando ingresos por valor de 1,6 millóns de euros nos establecementos galegos.
Segundo recollen nun comunicado, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, valora "moi positivamente" esta segunda edición coa que, expresa, "á vista dos bos resultados económicos, cúmprense os obxectivos e séguese fortalecendo o sector e incentivando o consumo cultural entre os galegos".
A iniciativa, que se puxo en marcha o 2 de novembro e finalizou o pasado 31 de decembro, rexistrou un total de 41.582 operacións entre os usuarios e facilitou descontos do 50 % na compra de produtos como libros, música en formato físico, entradas para museos, cinemas ou espectáculos escénicos, entre outras.
Por provincias, o 50,25 % das operacións rexistráronse na de Pontevedra, o 33 % na da Coruña, o 8,6 % na de Ourense e o 3,17 % na de Lugo.
Así, puxéronse en circulación 20.000 bonos que se empregaron en máis de 500 establecementos como librarías, salas de cinema e espectáculos ou museos de toda Galicia.
Apuntan ademais que este ano a Xunta ampliou os seus obxectivos "buscando, por unha banda, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo, así como impulsar ao sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de subida de prezos". Tamén se melloraron algúns dos requisitos para as empresas e ampliouse o teito de gasto que podían alcanzar nos seus establecementos.
Román Rodríguez referiuse tamén á importancia desta medida no marco das políticas de apoio á cultura do Goberno galego. "Unha política de apoio á cultura que imos aumentar neste 2023 cun investimento global que supera os 100 millóns de euros, un 8,5 % máis que o ano anterior", remarca.
As contas, sinalou, atenden "a todos os sectores (musical, audiovisual, libro, artes escénicas e plásticas)". Concretamente, referiuse a propostas como a Galicia Filme Commision, o proxecto de Bibliotecas Móbiles para estender estes servizos ao rural, o Proxecto Xeración Cultura, a aceleradora de proxectos musicais ou novas leis como a de Cultura Inclusiva e Accesible e a de Cultura Dixital, entre outras iniciativas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.