O 2022 péchase con 616 adopcións de cans no centro de acollida de animais da Deputación de Pontevedra

O tempo que os animais pasan sen fogar nas instalacións de CAAN baixou ata os 56,1 días.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/01/2023 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra superou en 2022 as 600 adopcións, facéndoo por segundo ano consecutivo.

Tal e como explica a Deputación nun comunicado, realizáronse un total de 616 adopcións, só 44 por baixo do record de 2021, con 660 adopcións.

Destacan tamén a redución, aínda que leve, das recollidas de animais, 1.187 fronte ás 1.210 de 2021, así como a incorporación doutros dous municipios, Oia e Salceda de Caselas, ao servizo que presta CAAN para facer fronte ao abandono animal.

Das adopcións de 2022, catro foron no estranxeiro (dúas en Alemaña e dúas en Suíza) e o resto en España, a maioría en Galicia (535), seguidas de Castela e León (53) e Asturias (14), Madrid (5), Andalucía (1), Canarias (1), Murcia (1), Comunidade Valenciana (1) e Castela-A Mancha (1).

En Galicia, 459 foron na provincia de Pontevedra, 25 na da Coruña, 45 en Lugo e seis en Ourense. O municipio con máis adopcións foi Vigo (76), seguido de Pontevedra (42) e Gondomar (35), e destacan tamén as rexistradas en Sanxenxo (22), Meis (19), Poio (16), Meaño (16) ou Vilagarcía, Marín, A Estrada, con 14.

RECOLLIDAS

Doutra banda, en canto ás recollidas, foron un total de 1.187, 23 menos que no ano anterior, e cunha media mensual de 156,1, "o que supón unha baixada do 1,9 % respecto ao 2021, cando foron 159,2".

Ademais, da cifra total de animais rescatados, máis da metade (548) puideron ser recuperados polos seus propietarios, ben no lugar onde se produciu o aviso (240) ou nas propias instalacións do CAAN (308).

Remarcan tamén que un dos grandes obxectivos de CAAN é que os animais recolleitos pasen cada vez menos tempo nas instalacións e atopen antes un novo fogar. Nos dous últimos anos reduciuse á metade, ao pasar dos 123,8 días no 2020 aos 56,1 en 2022, e este ano baixou tamén 13 puntos respecto ao 2021, en que era de 69,6.

Can no centro de acollida da Deputación de Pontevedra
Can no centro de acollida da Deputación de Pontevedra | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta