Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 13/01/2023 | Actualizada ás 18:34
Galicia incrementou este ano en 11 o número de prazas formativas nas especialidades de saúde mental na oferta de formación sanitaria especializada.
Segundo informou a Xunta nun comunicado, o conxunto de especialidades relacionadas coa saúde mental (psicoloxía clínica, psiquiatría e enfermaría especialista de saúde mental) suma na oferta deste ano un total de 46 prazas, un incremento de máis do 30 % respecto ás 35 prazas ofertadas o ano pasado.
En concreto, o incremento de prazas na especialidade de psiquiatría foi de catro respecto do ano anterior, para conseguir un total de 16. Na especialidade de psicoloxía clínica, a oferta formativa final é de 13 prazas, cinco máis que o ano anterior.
Tamén se incrementou a oferta formativa coa convocatoria dunha praza na nova especialidade de psiquiatría infantil e de adolescencia. Pola súa banda, na especialidade de enfermaría de saúde mental a oferta é de 16 prazas, unha máis que o ano anterior.
"O Goberno galego está a mostrar coas súas medidas no campo da saúde mental o seu compromiso para facer fronte ao serio problema desta especialidade, a consecuencia da pandemia e do confinamento da poboación", sinalaron desde a Xunta.
PLAN DE SAÚDE MENTAL DE GALICIA
Deste xeito, a Administración autonómica aprobou no ano 2020 o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, dotado con 83 millóns de euros e coa previsión de contratar a 241 profesionais.
Ao amparo do mesmo, xa se efectuaron máis da metade desas novas contratacións, o que permiten que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) conte xa con case 130 profesionais máis para reforzar a atención á saúde mental en Galicia.
En particular realizouse a contratación de 38 profesionais de psiquiatría, 35 de psicoloxía clínica, 31 de enfermaría especialista en saúde mental, 12 de traballo social e outros 11 doutras categorías tales como auxiliar de enfermaría ou terapia ocupacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.