Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2023 | Actualizada ás 19:38
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este luns o acto de apertura do seu curso académico 2023, no compostelán Pazo de San Roque, cunha conferencia do catedrático Senén Barro sobre intelixencia artificial.
Ao acto asistiu o presidente da institución, Juan Lema, que lembrou que a próxima semana cumprirase unha "conmemoración importante", dado que o 26 de xaneiro de 1973 "seis ilustres membros da Real Academia Galega, os profesores Vidal Abascal, Parga Pondal, Igrexas Igrexas, García-Sabell, Fraguas e Fraguas e Torres Enciso acordaron a creación da Academia de Ciencias Galega e solicitaron do Ministerio de Educación e Ciencia a autorización correspondente.
No transcurso do acto, o académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC Senén Barro (As Pontes, 1962) impartiu unha lección maxistral baixo o título 'Intelixencia Artificial: o noso último invento', na que destacou este como "un dos campos científico-tecnolóxicos máis activos e cun maior impacto social e económico na actualidade".
TOMA DE POSESIÓN
Durante o evento tivo lugar, ademais, a toma de posesión da nova Comisión Executiva da Real Academia Galega de Ciencias. Mantense como presidente Juan Lema, como vicepresidenta Alicia Estévez, Pilar Bermejo na secretaría e Fernando Pérez como responsable de Publicacións e Relacións Sociais da Academia.
O novo tesoureiro é José Ramón Cancelo, académico numerario da sección de Ciencias e Económicas e Sociais, que substitúe no cargo a Antón Álvarez, quen se fará cargo a partir de agora da presidencia de Sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.