Por Galicia Confidencial | Santiago | 26/01/2023 | Actualizada ás 18:38
O concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal abre o vindeiro mércores 1 de febreiro a que é xa a sexta edición fomentando a expresión creativa e a presenza da lingua galega no ámbito dixital. A convocatoria, dirixida ao público de todas as idades, repartirá nove premios entre as mellores historias de ata 200 palabras que se presenten, a través da páxina web relatos.gal, nas categorías correspondentes: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e persoas adultas (a partir de 18 anos).
O prazo de recepción dos textos permanecerá aberto ata o 28 de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que oferta o rexistro dun dominio .gal por dous anos a 15 euros máis IVE.
A Real Academia Galega e PuntoGal esperan repetir o éxito das anteriores convocatorias, Dende a súa creación no ano 2018, o concurso contou coa participación de preto de 4000 persoas e contribuíu a visibilizar dende novos autores e autoras das letras galegas de curta idade como Nee Barros (2002) e Alba Guzmán (2003) a debutantes serodios no mundo editorial como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950).
Os relatos presentados na categoría de adultos serán valorados desta volta polo xurado composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico de número, Manuel González González; a académica de número María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Rosalía Macías Tarrío. O xurado das modalidades infantil e xuvenil integrarano o académico de número Gonzalo Navaza, a académica correspondente Celia Pereira Porto, a profesora da Universidade de Vigo e secretaria da xunta directiva de PuntoGal, Edita de Lorenzo, e o mestre e escritor Lois Pérez.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles na páxina web do concurso. As historias premiadas serán publicadas nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes, que colabora nesta iniciativa dende a súa posta en marcha.
Este ano cóntase tamén coa colaboración da axencia de publicidade júnior Freshy Sweet, formada integramente por estudantes de Publicidade e Comunicación Audiovisual. A axencia naceu no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo como traballo de fin de grao dun alumno que quixo comprobar que sucedería se un grupo de estudantes se organizaba como unha axencia profesional. Once anos despois, a supervivencia da organización demostra que o proxecto foi todo un éxito. O equipo renóvase cada curso, nutríndose de novos perfís para cubrir o oco dos integrantes que marchan ao se graduar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.