Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2023 | Actualizada ás 13:36
Os promotores do Parque Nordés de eólica mariña, proxectado fronte ás costas do cabo Ortegal e que "podería empezar a materializarse a principios do ano que vén", destacaron "a transcendencia e a necesidade" de inclusión dos criterios socioeconómicos no futuro do marco legal da eólica mariña, que se prevé que aprobe o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico este 2023.
Así o manifestaron nun encontro celebrado este martes polo consorcio formado por BlueFloat Energy e Sener Renewable Investmens, representados polo director xeral de BlueFloat en España, Javier Monfort, e as business development manager de BlueFloat, Helena Brage e Ainhoa Villar, no que analizaron a situación eólica mariña flotante no territorio nacional e, máis concretamente, en Galicia.
Monfort recalcou que se trata dunha "oportunidade única" para que os proxectos se adxudiquen non só en base ao prezo senón que se teñan en conta aspectos socioeconómicos e ambientais como "a concertación, a madurez técnica e ambiental, a apertura ao territorio en forma de oportunidade de investimento e aspectos de investigación e desenvolvemento".
"A nosa percepción é que proxectos desta envergadura para que sexan un éxito teñen que contar coa máxima cohesión co territorio, coas persoas que han de convivir con esta estrutura durante 25 ou 30 anos", puntualizou.
DIÁLOGO CO TERRITORIO
Na mesma liña, Brage destacou a necesidade de que neste tipo de proxectos "tractores" exista "transparencia, coexistencia e diálogo co territorio". Explicou que o proxecto que pretenden desenvolver en Galicia, unha vez que se resolva o concurso e se resultan adxudicatarios, incluirá "un retorno local porque é moi boa oportunidade para Galicia e para España".
Villar, pola súa banda, incidiu na "estratexia" de BlueFloat de asociarse con "desenvolvedores locais" para asegurar que os proxectos contribúan a que os territorios acollan esas iniciativas con "o maior consenso posible".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.