Ferrol Detroit

Cursaba segundo de carreira a primeira vez que fun a Ferrol. Vai desto para trinta anos. Eran os anos da mal chamada política de reconversión industrial, os anos das folgas xerais, das manifestacións pola situación do naval en Vigo e en Ferrol. Teño daquela primeira visita gravada a imaxe da inmensa grúa pórtico que presidía ASTANO. A imaxe que tantas veces se veu nos medios de comunicación polas tantas protestas nas que foi escenario. A mal chamada, repetimos, reconversión industrial, trouxo unha estela de siglas que nomeaban plans de futuro para a comarca de Ferrolterra: a ZUR, Zona de Urxente Reindustrialización, ZID, Zona Industrial en Declive… plans con subvencións de todo tipo, incluídos os bálsamos en forma de xubilacións anticipadas para anestesiar a sociedade. Tantas veces mais preocupada no hoxe que no mañá.

Por Emilio Martinez | Ribeira | 17/01/2015

Comparte esta noticia
Fai uns meses a prensa facíase eco da situación de decadencia  de Detroit, a capital estadounidense da industria do automovil. A cidade estaba, está, en bancarrota, como consecuencia da caída de poboación, da perda de emprego nunha industria afectada pola competencia internacional…  sona coñecido, non?. Temos o noso propio Detroit, aquí, tan cerca…
 
Fai uns días a prensa facíase eco da situación de emerxencia social en Ferrolterra: centos de persoas teñen que acudir a comedores sociais se queren un prato quente, teñen que vestirse en roupeiros de organizacións de caridade, que teñen que recorrer a prácticas ilegais, como o furtivismo, se queren ten un euro no peto… E en Ferrol dinme que iso é unha parte, a punta o iceberg , da perda de emprego, dos contratos precarios, dos salarios tan baixos que non permiten subsistir a unha familia, do peche continuo de comercios, tal visible cun simple paseo…
ZUR, ZIP… o último plan estratéxico pagado pola consellería de Economía, que eu coñeza , durante o goberno de coalición PSOE-BNG, realizado polo afamado Boston Consulting Group… cales son os resultados?. Cantas veces non se venderon á xente de Ferrol e da súa comarca promesas de futuro…?. Vemos en que quedaron. 
 
Tal vez por ese apego persoal, tal vez porque na última visita quedei  abraiado ante a decadencia do Ferrol Vello, tal vez porque como cidadán non podo crerme que as cousas pasen por que si, hoxe é un momento tan bo como calquera outro para esixir responsabilidades.
É certo que a economía ten as súas lóxicas e que estas atenden pouco ás persoas. Cando menos na economía imperante. É certo que as políticas industriais son asunto controvertido e os éxitos non son menos dos que os informes prometen É certo que non existen brevaxes máxicos de desenvolvemento económico, e que a labor precisa de tesón, de coherencia, de análise, e de moita sorte…
 
Pero no caso de Ferrol, logo de todos os plans e logo de centos de millóns en subvencións algunha explicación sería necesaria. Non coñezo si existen avaliacións do impacto, dos resultados, das subvencións concedidas ao longo destes vinte cinco ou trinta anos. Moito  me temo que estas non existen, ou si existen son na forma deses informes anuais tan dados a contarnos o ben que vai todo. Eses informes que tanto gustan aos cargos institucionais, e que tanto demostran que para eles o importante é a foto de inauguración. Ainda que ao pouco a empresa, financiada con cartos públicos, peche. Sen cámaras presentes. Sería interesante facer ese balanzo de trinta anos e ver quen foi o beneficiario das cuantiosas axudas… tal vez nos sorprendéramos.
 
Ferrol e a súa comarca son o símbolo da incapacidade dos sucesivos gobernos, en Santiago de Compostela e en Madrid, para articular unha política coherente que permitira a reconversión industrial. Unha verdadeira reconversión industrial, no senso orixinario da verba, que permitira a pervivencia económica desas terras nas que tanto saber facer se acumula. Sair dunha situación de declive industrial é difícil, pero non imposible. Non está tan lonxe o exemplo do País Vasco, que soubo facer fronte a unha crise industrial estrutural mediante un conxunto de políticas intelixentes de adaptación aos mercados, políticas tecnolóxicas e de innovación, promovendo a colaboración entre competidores para facelos mais competitivos no mercado global. E á vez aproveitar as posibilidades que abría a reubicación das empresas industriais para desenvolver plans de rexeneración urbana e poñerse promover o turismo.
 
En Ferrol, pola contra, seguramente atopémonos  diante dun catálogo de prácticas inconsistentes, mais pensadas para a galería, cando non para o lucro dos próximos. Políticas e decisións centradas no quedar ben a curto prazo, pero moi difusas no que se refire á procura dun cambio estrutural, no impulso da transformación dun entorno en crise nun entorno atractivo para o investimento.  Solucións estas que precisan de formulacións a longo prazo, e de constancia, algo que parece moi lonxe da práctica de dirixentes mediocres. Dirixentes alonxados das necesidades das persoas, dirixentes para os que as persoas non son mais que un mal necesarios unha vez cada catro anos. Unha casta de políticos que lle ten feito mais mal a este país que a dura competencia que significan os mercados globalizados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.