O presidente da Xunta aceitou liderar o "lobby" en favor das polémicas decisións da empresa, aparcando o hipotético rol institucional que aconsella tratar de representar ao conxunto da cidadanía, sexa ou non votante do partido que o promoveu a San Caetano.
A decisión do Tribunal Supremo modifica o que tiña establecido a Audiencia Nacional e pecha, polo momento, o camiño xudicial. Non definitivamente porque, simetricamente ao que tería ocorrido de non estimar o recurso da empresa, o concello de Pontevedra, a APDR e Greenpeace acudirán previsibelmente ao T. Constitucional e aos tribunais europeos. A elevada duración da prorroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy e o agravante da circunstancia de que tal executivo se atopaba "en funcións" no momento de aprobar semellante resolución administrativa, xustifican a eventual vontade de esgotar todos os trámites contemplados na lexislación vixente.
ENCE sabe perfectamente que se hoxe quixera iniciar as súas actividades no lugar onde está ubicada, non podería facelo. E coñece, sen dúbida, a chamada Responsabilidade Social Empresarial(RSE), unha corrente doutrinal -asumida teoricamente polos referentes principais do universo empresarial- que aposta polo necesario compromiso das corporacións coas sociedades nas que fican inseridas. A RSE non significa, só, cumprir coa legalidade vixente en cada conxuntura histórica. Representa algo mais: sintonizar coas demandas que se formulan dende a contorna social. Os accionistas e directivos de ENCE son coñecedores da débeda histórica que esta empresa ten contraída coa maioría da sociedade pontevedresa que desexa, dende hai tempo, o cambio de localización desas instalacións. Moito mais se temos presente que estamos ante unha entidade que, no seu día, formou parte do tecido empresarial estatal e, posteriormente, estivo participada financeiramente por unha Caixa de Aforros. Ou sexa que tivo unha indiscutíbel dimensión de proxecto empresarial de interese público.
A solución da prórroga dos 60 anos constitúe un insulto ao raciocinio que debería presidir o desenvolvemento das actividades industriais nun pais democrático do mundo mais avanzado. A menos que se manteña o vello criterio de que a maximización do beneficio privado está por riba de calquera outra consideración.
Coa chegada do goberno bipartito (PSdG-BNG) no ano 2005 houbo un intento para acordar o traslado das instalacións da pasteira a outro lugar no que se provocaran menores impactos medioambientais. Tal iniciativa -promovida dende as consellarías pilotadas polo BNG- non foi viábel porque a empresa non quixo asumir custe algún na realización de semellante deslocalización. Despois do 2009, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, suxeriu, nalgunha ocasión, a pertinencia dunha solución análoga mais non foi quen de propiciar unha saída práctica a este contencioso.
Algúns dirixentes de asociacións empresariais -acompañados polo actual presidente da CEOE- teñen suscitado un dilema apocalíptico: ou ENCE segue onde está instalada ou haberá un peche coa conseguinte perda dos postos de traballo vinculados a esta empresa. Para eles, a Responsabilidade Social non existe. Semellantes ideas non se compadecen coa economía social de mercado que se invoca na Constitución nin coas prácticas vixentes nos países mais representativos do Estado do benestar, o sinal identitario mais relevante da Europa dos últimos 70 anos.