Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/02/2023 | Actualizada ás 12:48
O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as cancións galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2022. Son 10 músicas de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Música do Ano na Galiza e Mellor Música do Ano en Portugal. Ditas votacións comezarán este luns, 27 de febreiro, ás 20.00 horas segundo o fuso horario galego, e poderanse acometer a través da páxina web aritmar.gal. O proceso de votación permanecerá aberto durante un mes, até o vindeiro 27 de marzo.
As cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2022 na Galiza, son: Ser 1 ser máis, d’A Pedreira; Lamborghini, dos Ataque Escampe; O teu Mandil, de Berto e Marinha; Xuntos, da Familia Caamagno, II. LISÍSTRATA (varre vasoira), das Fillas de Cassandra; Banharemonos nas Ondas, de LaMontagne & PicoAmperio; Coma Villanelle, de MJ Pérez; Para cando eu morra, de SÉS; A moura, de Sheila Patricia; e Paxaro do demo, de Xoel López e Baiuca.
As cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2022 en Portugal, son: Dilúvio, d’A Garota Não; Chamada Não Atendida, de Bárbara Tinoco; Bom Bom, de Batida feat. Mayra Andrade; Vai Lá, de Carolina Deslandes; Povo pequenino, das Fado Bicha; Filha da Tuga, de IRMA; Dança de um dia normal, de Miguel Araújo; Amanhã, d’Os Quatro e Meia; Que O Amor Te Salve Nesta Noite Escura (Ao Vivo), de Pedro Abrunhosa com Sara Correia; e Maçãzinha, de Retimbrar feat. Uxía.
"Nesta preselección conviven a recuperación da tradición oral, o rock and roll de corte garage, hibridacións fillas da electrónica e do rap, folk con miras eclécticas, o pop máis directo e moitas cousas máis", indican os organizadores nun comunicado.
aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela pertencente á Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.