Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2023 | Actualizada ás 14:40
O Consello da Xunta prevé aprobar en abril o proxecto de Lei de Artesanía co obxectivo de deseñar un marco xurídico que se adapte á nova realizade do sector artesanal e impulse a súa importancia social, económica e patrimonial.
Así o anunciou este mércores o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, quen, tal e como informou a Xunta nun comunicado, visitou os talleres de Gaitas Seivane e Laura Delgado Cerámica.
A Vicepresidencia Primeira indicou que a nova lei está enfocada na potenciación da artesanía como actividade económica sustentable e busca ao mesmo tempo protexer a artesanía tradicional e os oficios que están vinculados a certas zonas de Galicia.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, Francisco Conde sinalou que esta lei servirá para darlle resposta a algúns dos retos que afronta a Artesanía de Galicia, como a substitución xeracional, a innovación, a internacionalización ou a ampliación das canles de comercialización.
Nestes momentos, a Xunta realiza un proceso de consulta co sector para recompilar achegas a través de diferentes grupos de traballo. Durante a súa visita, Conde destacou que o Obradoiro de Gaitas Seivane, con máis de 84 anos de historia, é un exemplo da excelencia, o talento e a calidade da Artesanía de Galicia, e que o apelido Seivane é unha marca recoñecida a nivel internacional que se identifica coa innovación e a mellora do instrumento desde o respecto á tradición. Esta empresa familiar conta co Premio Nacional de Artesanía e Álvaro Seivane recolleu en 2021 o Premio Artesanía de Galicia á súa traxectoria.
Neste momento, baixo a marca Artesanía de Galicia están rexistrados 831 talleres e 88 oficios diferentes, que xeran máis de 7.800 postos de traballo, e 33 establecementos que están adheridos como puntos de venda destes produtos (dun mínimo de cinco talleres).
Desde 2014 ao redor da metade dos novos talleres que se rexistraron en Galicia responden a un perfil de novos talentos, talleres que están a achegar novas ideas, disciplinas, visións e modelos de negocio, ademais de impulsar a innovación a todos os niveis.
Téndaa taller de Laura Delgado é, segundo o vicepresidente primeiro, un claro exemplo desta incorporación de talentos. Esta ceramista foi a gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022 e destaca pola súa visión innovadora de incorporar a Artesanía de Galicia a unha das últimas tendencias en gastronomía como é a coctelería, con pezas inspiradas no entroido tradicional da provincia de Ourense.
Os Días Europeos da Artesanía celébranse ata o 2 de abril en 23 países europeos. En Galicia a Xunta, a través de Artesanía de Galicia, é a encargada de coordinar o programa de actividades, no que participan máis de 50 talleres e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.