Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2023 | Actualizada ás 19:40
Centos de profesionais, pacientes e familiares déronse cita este martes 11 de abril na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela para celebrar unha xornada con motivo do Día Mundial do Párkinson, enfermidade que padecen ao redor de 6.000 persoas en Galicia e entre 120.000 e 150.000 en toda España.
A xornada contou cun acto de inauguración a cargo da xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Estrela López-Pardo; do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez; o investigador e catedrático José Luís Labandeira; e o xefe de Neurología do hospital compostelán, José María Prieto.
A responsable do Sergas explicou que o diagnóstico do párkinson precisa de revisións periódicas para a confirmación ou descarte da enfermidade. "De aí a importancia de que o seu tratamento sexa personalizado, atendendo ás situacións persoais, familiares, laborais e sociais de cada paciente, e aquí xogades un papel fundamental os profesionais tanto sanitarios como os das asociacións de pacientes", engadiu López-Pardo.
Neste contexto, reivindicou os esforzos do sistema sanitario galego por ampliar a carteira das exploracións neurofisológicas clínicas e os equipos de alta tecnoloxía como o sistema HIFU, para tratar o párkinson e os tremores a través do ultrasón.
Non en balde, López-Pardo agradeceu o "bo facer dos profesionais galegos", que "eleva o nivel de excelencia" na atención aos doentes, á vez que lembrou a designación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) como "centro de referencia" na cirurxía dos trastornos do movemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.