Edís populares denuncian manobras do seu partido para "gañar a Deputación de Pontevedra" a toda costa

Os tres edís do PP de Ribadumia critican a fichaxe do actual rexedor independente da localidade como cabeza de lista do Partido Popular. "É literalmente unha usurpación do PP de Ribadumia", aseguran.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2023 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O nomeamento do actual alcalde independente de Ribadumia, David Castro, como candidato polo Partido Popular, desatou unha treboada política no seo do grupo municipal, cuxos tres concelleiros asinan un comunicado contra esa "decisión unilateral" do presidente provincial do partido, Luís López.

"É literalmente unha usurpación do Partido Popular de Ribadumia", aseguran os edís do PP, no seu escrito no que sinalan que o candidato e o seu equipo "seguen sendo Independentes de Ribadumia". "Mesmo candidato, mesmo equipo e mesma forma de facer política, pero agora baixo o logotipo do Partido Popular", afirman os concelleiros.

O portavoz do PP na Corporación e candidato á Alcaldía de Ribadumia en 2019, Martín Vázquez, xunto aos outros dous edís populares, acusan á súa formación de ser "un partido que busca desesperadamente gobernar na Deputación e recuperar o control da Mancomunidade" e repróchanlle que, "se para iso hai que regalar o partido a quen o rompeu, pois se fai".

"CONDICIONANTE PARA O TRABALLO DE OPOSICIÓN"

Neste comunicado tamén apuntan que "empezaron na pandemia" os contactos da dirección do PP con Independentes por Ribadumia (IR) algo que foi un "condicionante para o traballo de oposición".

Afirman que, nesas negociacións, o presidente provincial "deixou á marxe á militancia de Ribadumia". "A pesar diso, tratamos de facer a integración unha realidade a pesar de sentirnos traizoados e ninguneados polo presidente provincial", pero que se atoparon de fronte "cun muro", pois, segundo eles, David Castro négase a integrar no seu equipo a membros do Partido Popular, "porque para el, palabras textuais, os membros do PP de Ribadumia restan".

"VIDA MÁIS ALÓ DO PP"

Finalmente, vaticinan que esta integración "resultará de novo un fracaso" e engaden os concelleiros populares que "hai vida na política máis aló do PP", despedíndose como os "de momento, concelleiros do Partido Popular de Ribadumia".

Neste contexto non pasan desapercibidas na localidade as manobras para xestar "Xuntos por Ribadumia", un novo partido para concorrer ás eleccións municipais de maio.

FRACTURA PREVIA DO GOBERNO LOCAL

Esta fichaxe do actual alcalde de Ribadumia, David Castro, por parte do Partido Popular xa provocara unha fractura dentro do grupo de goberno local. A primeira consecuencia foi que dúas das concelleiras que formaban parte xunto ao alcalde de Independentes de Ribadumia, Pilar Martínez e Mar Moimenta, presentaron a súa dimisión como representantes da súa formación política.

Ambas tiñan senllas liberacións parciais para desempeñar as súas responsabilidades no goberno local, Mar Moimenta como concelleira de Obras e Urbanismo e Pilar Martínez era a portavoz do equipo de goberno e concelleira de Contas e Facenda. Agora forman parte do grupo mixto.

Con estas dimisións Independentes perdeu a maioría absoluta e quedou en minoría con seis concelleiros, fronte aos sete da oposición: tres do Partido Popular, as dúas concelleiras recentemente dimitidas e os representantes de Somos Ribadumia e do Partido Socialista.

David Castro, alcalde de Ribadumia
David Castro, alcalde de Ribadumia | Fonte: Cope

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta