Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2023 | Actualizada ás 19:29
A Consellería de Sanidade garantiu este luns a "vontade de diálogo e escoita co conxunto de profesionais" do Sergas, á vez que defendeu que acordos como o alcanzado con CESM "van máis aló de melloras retributivas".
Así o expresou a consellería en resposta ás 1.300 firmas entregadas este luns por un grupo de médicos especialistas e persoal residente no edificio do Sergas, para trasladar a súa desconformidade co acordo con CESM que puxo fin á folga.
No documento entregado, apunta Sanidade, o colectivo reclama "mecanismos para mellorar a saúde laboral", unha cuestión coa que o Sergas está "completamente de acordo". "Queremos mellorar o benestar dos nosos profesionais e, de feito, xa se está traballando no tema, por exemplo co proceso de avaliación dos riscos psicosociais", lembraron.
En canto a aplicación "de maneira inmediata" da xornada de 35 horas, Sanidade lembrou que Galicia é a 14ª Comunidade Autónoma que acorda a redución de xornada de persoal dos servizos de saúde e apuntou que "a finalidade é confluír no ano 2025 nunha redución de 112 horas en quenda fixa de mañá ou tarde en postos que fan sábados, e o que corresponda en rotatorios complexos".
"A redución está prevista en 3 anos, pois a redución para os anos 2024 e 2025, que é de maior volume, pode levar o estudo para a dotación de persoal correspondente, co obxectivo de completar as prestacións asistenciais existentes de verse afectadas pola redución", lembran.
En canto a condicións de traballo, o persoal do Sergas está "en primeiros postos do Sistema Nacional de Saúde, con altas retribucións, descansos regulados ademais de incrementarse o persoal médicos no ano 2022, con 409 prazas", asegura o Sergas; e en canto ás axendas de calidade, "o pasado 31 de marzo, o Sergas e as organizacións sindicais acordaron as liñas de actuación e o cronograma no marco negociador do Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria".
Actualmente, as axendas de calidade coas que están a traballar os médicos de familia son flexibles (admiten unha marxe de 31 a 40 ocos de entre 8 a 15 minutos). "Co acordo conseguido habilítanse axendas de maior capacidade, voluntarias, extraordinarias, limitadas no tempo, e individualizadas para cada profesional, e aplicables sempre que se cumpran os criterios previamente establecidos como un número mínimo de Cartóns Sanitarios (1.200)", sinala Sanidade.
Ademais, engade, "define por primeira vez a posibilidade da autoprolongación da propia axenda, como xornada extraordinaria e voluntaria para a cobertura da actividade asistencial da propia cota dun profesional que xa traballe na súa xornada común coa axenda de continxencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.