Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2023 | Actualizada ás 18:20
O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia lamentou a "oportunidade perdida" por parte da Consellería de Educación para introducir o medio ambiente como un obxectivo educativo en ESO e Bacharelato.
O colexio presentou ao proceso aberto por Educación para ampliar as materias optativas en secundaria e bacharelato tres propostas, unha para 4º de ESO denominada 'Desenvolvemento sustentable' e outra dúas para 2º de Bacharelato tituladas 'Patrimonio Natural galego' e 'Steam: Laboratorio'.
O obxectivo era, segundo recolle un comunicado emitido este mércores pola entidade que representa aos biólogos galegos, "abordar aspectos emerxentes" dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS), mellorar o coñecemento do patrimonio natural galego e fomentar as materias STEM "desde o punto de vista práctico".
O colexio criticou que as súas propostas non fosen tidas en conta por parte da Consellería de Educación nas novas optativas que se ofertarán o próximo curso, anunciadas polo conselleiro do ramo, Román Rodríguez, o pasado martes.
Para a entidade, trátase dunha "oportunidade perdida" para "recuperar horas e contidos de ciencias" e, así mesmo, cre que a decisión "condena ao alumnado a non ser capaz de analizar, con pensamento crítico, todas as noticias de actualidade relacionadas co cambio climático, sanidade ambiental, pandemias ou seca".
Tamén censura que se rexeite a materia que permitiría aos alumnos profundar na conservación de patrimonio natural de Galicia, segundo recalcou o colexio, que considera que a situación é "especialmente grave" ao ter a consideración de "transversais" coñecementos como "o respecto e conservación do medio natural" e a "adquisición dun espírito crítico á hora de analizar a realidade socio cultural das alumnas e alumnos".
"Desde o colexio consideramos esta situación moi grave, especialmente nun momento no que a sociedade está moi preocupada polo fácil acceso do alumnado de secundaria a fontes de información de moi dubidoso rigor científico e en moitos casos, procedentes directamente da pseudociencia e outras disciplinas non científicas", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.