Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2023 | Actualizada ás 16:48
O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible abordou este luns o proxecto de orde coa que a Xunta prevé establecer un tope de 150 visitantes no illote de O Areoso, pertencente á Illa de Arousa.
Respecto diso, a conselleira do ramo, actual vicepresidenta segunda do Goberno galego, Ángeles Vázquez, subliñou que se trata dun asunto "fundamental" no que o Executivo leva "traballando máis dun ano". A intención é regular o acceso e as actividades nos illotes de Os Guidoiros (O Areoso e illa Guidoiro Pedregoso) e tamén na illa de Rúa.
De feito, o pasado outubro, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou un anuncio polo que se someteu a información pública o proxecto.
"EXCESO DE AFLUENCIA"
Nos últimos "anos e meses", segundo advertiu Vázquez, detectouse "que o exceso de afluencia puña en perigo o patrimonio natural tanto de especies de flora como de fauna que albergan, desde a píllara das dunas a outro tipo de especies".
Por iso, o seu departamento empezou a traballar "da man dos concellos, pero tamén coas consellerías de cultura, de mar, con turismo e coas distintas asociacións e o ámbito pesqueiro-marisqueiro".
Foi unha orde "moi participada", segundo reivindicou. Cun total de 375 alegacións, a conselleira resaltou que foron admitidas "total ou parcialmente o 90%" das achegas "e hoxe chega a un dos cúlmenes" ao acudir "a explicala a este consello onde están representados os máximos especialistas dentro do ámbito do medio ambiente".
REGULACIÓN
En canto ao contido, Anxos Vázquez explicou que quedan restrinxidas as visitas en tempada alta a un máximo de 150 persoas en tres quendas (madrugada-13,00 horas, 13,00-17,00 horas e 17,00 horas-atardecer).
Pola súa banda, "permítese a pesca recreativa excepto nos 200 metros á redonda de O Areoso e o fondeo tamén pero de maneira restrinxida". "Isto farase nun sistema igual que o acceso ao parque nacional (Illas Atlánticas) ou As Catedrais e despois con controis aleatorios e a través dunha declaración responsable", proseguiu.
Esa declaración implicará que "non cumprir coa orde pode supor desde sancións que van, a leve, de 100 a 3.000 euros e as graves, cando afecta o patrimonio natural, desde os 3.000 aos 200.000 euros", indicou a titular de Medio Ambiente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.