Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/06/2023 | Actualizada ás 09:00
O Festival Literario de Allariz (FLAZ) chega este ano á súa segunda edición, e faino co ánimo de consolidarse como evento cultural non só a nivel de Galicia senon tamén a nivel peninsular.
Os días 30 de xuño e 1 de xullo a comunidade lectora poderá gozar dun festín literario coa presenza en Allariz de autoras e autores de referencia na narrativa galega e española actual: Marta Sanz, Belén Gopegui, Blanca Riestra e Javier Peña. Tamén, nesta segunda edición do festival, organizada polo Concello de Allariz e a libraría Aira das Letras, coa intención de abranguer outros campos vinculados ao sector do libro alén da escrita, o que fora editor de Debate, Constantino Bértolo, e o responsable da editora galega Rinoceronte, Moisés Barcia, participan nun encontro sobre edición e mercado.
O II FLAZ, con cartel do ilustrador Miguel Robledo, medra este ano ademais coa celebración dun mercado de edición e ilustración independente.
DESTACADOS AUTORES E EDITORES
César Lorenzo, director do FLAZ, destacou o conxunto de voces de referencia que se van dar cita en Allariz: Marta Sanz, Belén Gopegui, Constantino Bértolo, Javier Peña, Blanca Riestra e Moisés Barcia. Os encontros cos autores terán lugar na sala de exposicóns da Fábrica, no Paseo da Alameda.
O evento inclúe nesta ocasión outros axentes que forman parte do mundo do libro xunto aos autores. É o caso dos editores Constantino Bértolo e Moisés Barcia, que protagonizan o primeiro encontro do FLAZ 2023 o venres 30 baixo o título “Editar contra o mercado”.
Bértolo é un dos editores españois de maior prestixio. No seu último libro Una poética editorial (Trama, 2022), Constantino Bértolo, que fora director de Debate e impulsor do selo Caballo de Troya dentro de Random House, traza a través de diferentes textos a súa traxectoria de máis de corenta e cinco anos no mundo editorial.
A fronte do grupo Rinoceronte desde que a fundou en 2005, Moisés Barcia dirixe a primeira editorial especializada en obras traducidas ao galego, que achegou ás nosas letras ámbitos literarios inéditos, caso do finés, húngaro, xaponés, islandés, etc.
ALLARIZ, DESTINO CULTURAL
Na presentación do II FLAZ tanto a alcaldesa Cristina Cid como o responsable de contidos da libraría Aira das Letras, César Lorenzo, resaltaron que un dos obxectivos do festival, ademais de crear un espazo de encontro directo entre autoras e autores de referencia e comunidade lectora, quérese contribuír ao carácter de centro e destino cultural do Concello de Allariz, impactando tamén na economía local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.