Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 15:17
O director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández Vila, negou este venres ante o Parlamento calquera tipo de participación da exconselleira da Xunta, Beatriz Mato, na tramitación de proxectos eólicos de Greenalia, empresa da que agora é directiva e o que para o PSdeG supón unha "porta xiratoria".
"Escoitar esas declaracións podería considerarse unha falta de respecto. Non, a exconselleira Beatriz Mato non participou en ningunha tramitación. Os expedientes de Greenalia son examinados por persoal técnico", aseverou o director xeral.
Doutra banda, o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, responsabilizou ao Goberno galego de "provocar inseguridade xurídica" ao autorizar parques eólicos en base a Declaracións de Impacto Ambiental (DIA), "que omiten a normativa e provocan a súa paralización polo TSXG".
O socialista apuntou á Consellería de Medio Ambiente como principal responsable da "malleira xudicial" que reciben por parte do alto tribunal galego "ao omitir a normativa ambiental elemental". Mencionou tamén os parques situados na reserva da biosfera Mariñas Coruñesas - Terras do Mandeo, en plena zona de protección, "cun impacto ambiental elevado" pero que conseguen a DIA favorable.
O director xeral, pola súa banda, defendeu o traballo dos técnicos, que se cinguen a procedementos de acordo á lei. Así, lembrou que dos parques autorizados, reduciuse a potencia en 24. En total, reducíronse máis de 1.150 megawatios tras a avaliación ordinaria. Así mesmo, puntualizou que declarar un proxecto como de especial interese, "non supón eludir ningunha tramitación".
Nesta liña e en canto a Greenalia, remarcou que dos 15 proxectos declarados, hai oito en plena tramitación e do sete restantes, un deles xa obtivo unha DIA negativa. "Ese proxecto non se desenvolverá", afirmou, lembrando ademais que Greenalia ten un total de 10 declaracións desfavorables.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.