Estimación do CIS en Galicia: PP gaña e Sumar e BNG poderían empatar en escanos

A nivel estatal, o CIS apunta a un resultado moi igualado entre PP e PSOE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2023 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A macroenquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) para as eleccións xerais do 23 de xullo estima que o PPdeG gañará os comicios en Galicia con entre 8 e 12 escanos. Séguelle o PSdeG, con entre 7 e 10 escanos. Pola súa banda, o BNG sacará entre 2 e 3 escanos, mentres que a previsión para Sumar é de 2 escanos.

A actual composición dos 23 escanos que se reparten en Galicia para o Congreso é a seguinte: PPdeG (10), PSdeG (10), Podemos (2) e BNG (1). Segundo a estimación do CIS por provincias para o 23 de xullo, na Coruña (8 escanos en disputa) o PP conseguiría entre 3 e 4 escanos, seguido por: PSdeG (2-3), BNG (1) e Sumar (1).

En Pontevedra (7 escanos), o resultado sería: PP (2-3 escanos), PSdeG (2-3), BNG (1) e Sumar (1). En Lugo (4 escanos): PSOE (2), PP (1-2), BNG (0-1) e Sumar (0). E en Ourense (4 escanos): PP (2-3 escanos), PSOE (1-2), BNG (0) e Sumar (0).

Así, o CIS non prevé que Vox vaia a sacar ningunha representación en Galicia, do mesmo xeito que ningunha outra formación que non sexan PP, PSdeG, BNG ou Sumar. Na análise que fai o CIS por formacións --aquí sen desagregar por provincias-- obsérvase un aumento do apoio ao BNG respecto ao anterior barómetro de xuño. O voto directo na enquisa sobe de 0,4% ao 0,8%, á vez que a estimación de voto increméntase do 0,7% ao 1%.

DATOS EN ESPAÑA

A macroenquisa do CIS esboza un escenario de empate técnico en España, co PP dúas décimas por diante do PSOE, aínda que a suma da esquerda gaña en escanos ao bloque da dereita, roldando a maioría absoluta.

En concreto, o CIS dá ao PP unha estimación de voto do 31,4% e entre 122 e 140 escanos fronte ao 31,2% do PSOE, que tería entre 115 e 135 deputados. A terceira praza é para Sumar cun 16,4% e entre 43 e 50 escanos, superando o resultado de Unidas Podemos, mentres que Vox cae á cuarta praza cun 10,6% e entre 21 e 29 deputados, moi por baixo dos 52 que logrou fai catro anos.

En todo caso, a suma do PP e de Vox queda lonxe da maioría absoluta no Congreso, que está en 176, mentres que o PSOE con Sumar tería a tiro o goberno pois ambas as forzas, na pinza máis alta, lograrían maioría absoluta ou terían fácil logralo con algún outro partido minoritario.

O estudo baséase en máis de 29.200 entrevistas telefónicas realizadas durante 20 días o pasado mes de xuño, tras a vitoria do PP nas eleccións locais e cando se estaban negociando concellos e parlamentos autonómicos.

Hemiciclo do Congreso dos Deputados
Hemiciclo do Congreso dos Deputados | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta