Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2023 | Actualizada ás 19:29
A Xunta de Galicia destacou este venres a nova lei de ordenación e xestión integral do litoral xa que, ao seu xuízo, garante e facilita o acceso a servizos básicos e esenciais, como pode ser o saneamento, a poboacións asentadas en núcleos costeiros tradicionais que, ata agora, "vían restrinxido este dereito pola interpretación restritiva da lei de costas por parte do Estado".
Así o trasladou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a unha decena de veciños de Porto do Son, que viven á beira da praia de Queiruga e que levan anos reclamando a conexión das súas casas á rede de saneamento que dá servizo ao municipio.
Tras lembrar que a lei entrará en vigor o próximo 2 de agosto, Vázquez explicou que nesta nova norma a Xunta marcou unha serie de usos estratéxicos e prioritarios con encaixe no domino público marítimo-terrestre e tamén en zona de servidume, categoría que enmarcou precisamente aos servizos de saneamento e de auga potable nos núcleos tradicionais costeiros.
Tal como recolle o Goberno galego nun comunicado, fronte a esta visión autonómica, Vázquez lembrou que nos últimos anos son "múltiples os casos ao longo de toda a costa galega" nos que as actuacións necesarias para garantir este tipo de servizos atópanse con trabas de Costas do Estado.
Neste sentido, indicou que o Goberno central, a partir dunha "interpretación excesivamente restritiva, sen ningunha lóxica e non amparada en ningún estudo científico", acaba opóndose "reiteradamente" a este tipo de actuacións. "Galicia non vai vivir de costas ao mar. Galicia vive fronte ao mar", subliñou a conselleira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.