Rueda defende que se atenden as recomendacións de Contas a pesar do informe negativo sobre a execución dos fondos europeos

Aladro toma posesión como novo conselleiro maior cunha reivindicación da "independencia incuestionable" do órgano fiscalizador.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2023 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu que o Goberno galego "sempre" ten "en conta" as recomendacións do Consello de Contas. "Iso non quere dicir, loxicamente, que esteamos de acordo en todo o que di", asegura. Así se expresou nunha xornada na que o novo conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, tomou posesión do seu cargo nun acto no que reivindicou a "independencia incuestionable" deste órgano fiscalizador.

A preguntas da prensa tras o acto este mércores, Rueda defendeu o dereito da Xunta a discrepar dalgunhas conclusións de Contas, para o que o Goberno autonómico fai alegacións que levan ás veces a cambios nos informes e outras non. "En todo caso, unha vez que o emite, por suposto que hai que telo en conta no que sexa posible", razoa.

Cuestionado sobre o informe de Contas no que apunta a unha execución por baixo do 30 % dos fondos Next Generation en 2021, Rueda lembra que a Xunta xa explicou que eses fondos se trasladaron "moi tarde, no mes de setembro do ano que se fiscalizou", polo que houbo "poucos meses" para o seu gasto. Non entanto, prevé que no seguinte informe relativo a 2022 "verase que a execución é unha porcentaxe moito máis alta, precisamente, porque foron entregados moito antes". "Caracterizámonos na Xunta de Galicia por ter unha boa execución", afirma, aínda que se necesita unha transferencia "nos prazos adecuados".

En relación con que Contas detectou en 2021 no Sergas demoras "moito máis elevadas" en cirurxía, consultas e probas diagnósticas, Alfonso Rueda dixo que se están "facendo esforzos moi importantes" en materia sanitaria, aínda que admite que "hai moitas cousas" aínda por mellorar. "Tamén creo que temos que reivindicar o enorme esforzo que estamos a facer", sobre o que pon o exemplo da cobertura de prazas que "eran de difícil cobertura" e a procura de solución no verán para as urxencias de Ourense.

Respecto ao informe de Contas que avisa dunha alza do gasto dos entes instrumentais da Xunta en 2021, con máis de 20 que non renden contas, o presidente galego admite que "haberá que mellorar". Non entanto, asevera que desde 2009 fíxose "un esforzo moi importante" ao reducir esa administración paralela que "aumentara nos anos de bipartito". Observa que eses entes "teñen unhas normas de contabilidade que non son exactamente as da Xunta", polo que se debe "procurar que funcionen ao mesmo nivel que fan os o resto de servizos que dependen da Xunta".

INTERVENCIÓN DE ALADRO

Pola súa banda, Juan Carlos Aladro xurou o seu cargo cun agradecemento á "confianza" na súa persoa para liderar este órgano de "indubidable prestixio", á vez que fixo mención ao seu predecesor no cargo, José Antonio Redondo, que cesou no seu posto a comezos de xullo por motivos de idade.

Tamén se referiu á "transcendental importancia" das funcións de loita contra a corrupción coas que conta o Consello de Contas desde 2015, cunha "garantía" de que os impostos dos cidadáns "responden á aplicación prevista", de forma que haxa un control financeiro das administracións, sobre as formacións políticas e os bens patrimoniais dos altos cargos. Aquí, destacou posibilidade de canles de denuncia para a cidadanía.

Nun discurso no que deu as grazas tamén ao apoio da súa familia, Aladro apelou a que o funcionamento de Contas "sexa coñecido polos cidadáns". Finalmente, concluíu a súa intervención co compromiso de dedicar o seu "enteiro esforzo" en que esta institución de control externo manteña a súa "respetabilidade" e "transparencia" durante o seu mandato.

"DIARREA LEXISLATIVA"

A continuación, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, lembrou a intervención de Aladro o pasado 18 de xullo en comisión parlamentaria, na que se referiu á "diarrea lexislativa", unha expresión que se atribúe ao xurista Eduardo García de Enterría. "Non hai máis que ver os índices practicamente infinitos do Boletín Oficial do Estado", criticou o titular do lexislativo galego.

Con todo, Santalices puxo en valor o "exemplo de 'sentidiño" do Parlamento galego, "primando a calidade sobre a cantidade de leis", o que é mellor a que haxa "moitas malas e mediocres". Tamén agradeceu o traballo á fronte de Contas do conselleiro maior saínte, José Antonio Redondo, a quen desexou un "retiro xubiloso". Igualmente, valorou o bo facer dos tres grupos da Cámara pola súa "responsabilidade" para axilizar a substitución. "Non houbo nin hai bloqueos institucionais como os que padecen noutras latitudes", sostén. "Moita sorte no desempeño do seu traballo", desexoulle o presidente da Cámara galega ao novo conselleiro maior de Contas, sobre quen enxalzou o seu "brillante" currículo.

TRAXECTORIA

Juan Carlos Aladro Fernández é licenciado en dereito pola Universidade de León e diplomado en Criminoloxía pola Universidade de Santiago. Foi fiscal xefe provincial de Pontevedra desde novembro de 2007 ata 2023. Con anterioridade, desenvolveu funcións de fiscal do destacamento de Vigo e de Cambados, así como avogado fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra. Foi docente na Escola de Práctica Xurídica Concepción Arenal do Colexio de Avogados de Vigo, na Escola Galega de Seguridade e foi director da Escola de Verán do Ministerio Fiscal en Mariñán. Tamén realizou multitude de publicacións e relatorios. É, por último, posuidor da Cruz Distinguida de 1ª clase de San Raimundo de Peñafort, da Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco e da Cruz ao Mérito da Garda Civil.

Toma de posesión do novo conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro
Toma de posesión do novo conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro | Fonte: PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta