A tropa de Putin

Segunda metade dos setenta. Meu pai sentaba na sala e poñíase a ler unha revista. Eu sentábame perto del rodeado dos meus tebeos: “El Jabato”, “Capitán Trueno”, “Zipi-Zape”, “Mortadelo y Filemón”... pasábamos un bo rato enfrascados na lectura e de vez en cando o meu pai facía algún comentario en alto, que eu non entendía. Algunha tarde, mentres se levantaba a facer café ou a falar coa miña nai, collía a súa revista e vía que tiña moita letra, moitísima letra, algunhas fotos e apenas algún debuxo, que ao contrario dos dos meus contos eu non entendía: nin chisca de gracia tiñan pensaba. Nin sequera os libros da escola tiñan tanta letra. Dende a miña visión de neno de pouco mais de dez anos aquela revista formaba parte do mundo incomprensible dos maiores, un mundo co que nos ameazaban cando en voz alta dicían aquela frase coa que remataban moitas discusións: “Cando sexas maior xa o entenderás”.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 10/08/2023

Comparte esta noticia
A revista chamábase “Cambio 16”, e era naqueles momentos o semanario de información política de referencia en España chegando, en 1976, a acadar tiradas que superaban os 300.000 exemplares, cifra impensable hoxe. Naquel momento a sociedade estaba sedenta de información de calidade. Pero isto eu saberíao moito tempo despois, naquela altura da miña vida o importante eran si Zipi e Zape acabarían cobrando da zapatilla do seu pai despois da última trastada.
 
Na casa líanse tamén outras publicacións: “El Socialista”, que miña nai lle mercaba a unha veciña de vez en cando, ou “Mundo Obrero”, que Juan “O Carteiro”, militante comunista, un referente, en Ribeira, da esquerda nos últimos anos  franquismo, nos deixaba.
 
Co tempo eu tamén comecei a ler Cambio 16 e logo as miñas propias revistas. Antes de rematar o instituto xa estaba militando na esquerda nacionalista e na miña habitación acumulaba  os “Ceibe”, voceiro da AN-PG,  os “Lume”, voceiro de ERGA, ou o voceiro da UPG o “Terra e Tempo” ou “A Nosa Terra” e os número de “Teima” que un amigo lle collía ao seu irmá. Despois na universidade ademais de ler todo o que se me poñía por diante, os número atrasados de “El Viejo Topo” ou de “Ajoblanco”, o “Hacer”, voceiro do MCE... cos compañeiros e compañeiras dos CAF iamos sacando algunha que outra publicación como “O Manifesto” ou o “Boletín Cero” na facultade de Ciencias Económicas.
 
Aprendín na casa, escoitando ao meu pai, que a democracia non só é votar unha vez cada certo tempo, aprendín del que a democracia precisa cidadáns informados, cidadáns capaces de separar a verdade da mentira, capaces de exercer a crítica, de reflexionar. Cidadáns con argumentos para cuestionar a quen nos pretenda impoñer verdades absolutas.
 
Dende que tiven capacidade económica o xornal é unha das cousas que merco cada día. Hoxe estou subscrito a varios e a varias revistas, nalgúns casos ás edicións dixitais, tanto españolas como internacionais.
 
Unha das revistas ás que primeiro me subscribín foi á  “Papeles”, publicada co apoio da Fundación Hogar del Empleado, FUHEM, dende o ano 1985, primeiro vinculada ao Centro de Estudios por la Paz, CIP, e na actualidade á área Ecosocial da fundación. O outro día estiven rebuscando nos andeis da casa para ver cal era o número mais antigo que conservaba: atopei o número 50, publicado na primavera de 1994. Case 30 anos.
 
A revista “Papeles” é unha desas revistas que poderíamos cualificar de serias. Conta cun consello de redacción do que fan parte profesores e profesoras de varias universidades: a Autónoma de Madrid, a Autónoma de Barcelona, a Pompeu Fabra, a Universidade de Valladolid.. e un consello asesor internacional, composto por profesores de universidades europeas como a de Londres, a de Lovaina, a de Manchester ou centros de investigación recoñecidos como o Transnational Intitute holandés. Suponse que, como revista seria que pretende ser, os artigos pasan unha revisión, seguramente non tan rigorosa como a das revistas científicas mais recoñecidas, o que se coñece como a “revisión por pares”, pero si un control de calidade, de veracidade.
 
Hai uns días recibín o número 162. Ao ver o índice de artigos o título dun deles chamoume a atención: “La guerra contra Rusia”, asinado polo que fora catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Laguna, hoxe xubilado, Federico Aguilera Klint, un investigador recoñecido no ámbito da economía dos recursos naturais e o medio ambiente. O artigo é sorprendente non polo título ou o contido (que tamén), senón polo feito de que unha revista dunha certa categoría se preste a publicalo.
 
Aguilera asina o que non é outra cousa que un refrito dos argumentos que medios próximos ao goberno ruso veñen reiterando dende o inicio da invasión de Ucraína. Resumindo: o artigo cuestiona o existencia de Ucraína como nación; o levantamento popular do Maidan, en 2014, cualificase como montaxe da CIA; Vladimir Putin é un estadista de talla mundial, preocupado polas necesidades do seu pobo, centro dos seus desvelos; o exercito ucraíno é un “exército nazi”, Ucraína invadiu o Donbás e, como única aportación orixinal do autor: a lucense Ana Pardo de Vera, directora de “Público” é unha vendida ao imperialismo capitalista, e elo debido a ter chamado ás cousas polo seu nome: invasión á invasión de Ucraína por Rusia e agresión imperialista á agresión imperialista rusa... En fin no mellor dos casos o artigo merece o cualificativo de libelo ou, si abandonamos por un momento a corrección política, de bazofia. 
 
Cando rematei a lectura estaba perplexo. Indignado. E digo que non polo contido, que non deixa de repetir os manidos argumentos que urde a maquinaria de propaganda e desinformación rusa, senón polo medio que se prestaba a difundir as “fake”. Nada que ver coas razóns que me levaron no seu momento a subscribirme á revista, seguir o que meu pai me ensinara case 50 anos atrás: buscar fontes de información críticas pero veraces, que nos axudarán a razoar e a comprender.
 
Ao día seguinte envieille un correo electrónico tanto á revista como aos membros do consello de redacción e do consello asesor, como protesta, e para solicitar a miña inmediata baixa na subscrición: con certas cousas non ando de brincadeira.
 
A resposta do director da revista, Santiago Álvarez Cantalapiedra, para xustificar a inserción do artigo en “Papeles” foi a todas luces estrambótica. O artigo fora publicado porque se pretende fomentar o debate. Recordábame tamén o director que tal e como consta na revista: “As opinións dos artigos publicados non reflicten necesariamente as da FUHEM Ecosocial e son responsabilidade dos autores”. Non sei si calibraron ben a resposta. O seu razoamento xustificaría que a revista, no seu afán de debater sobre feminismo, cedera a súas páxina a autores que argumentaran que evidentemente a muller é inferior ao home tanto física como intelectualmente e un par de labazadas de vez en cando axudan a que non se saian do seu sitio. “Papeles” poderían ceder espazo aos negacionistas do cambio climático ou a terraplanistas, para contribuír  ao debate. Pero iso non o fan. Dado que os artigos non reflicten a opinión da revista, non se podería desbotar que FUHEM Ecosocial publicara colaboracións que cuestionen os crímenes de guerra nazis, a existencia dos campos de concentración ou as atrocidades xaponesas en China, ou outras que xustifique o confinamento en guetos das minorías étnicas, ou o exterminio de “razas” que calquera supremacista considere inferiores, ou mesmo outros artigos que defendan o carácter de enfermos, que precisan tratamento, ao falar dos homosexuais.  Iso tampouco o fai ´”Papeles” simplemente porque nin o seu director, nin o consello de redacción, nin os asesores internacionais o permitirían, porque son simples “majaderias”, que nada teñen que ver coa orientación da revista. 
 
O feito de publicar o artigo de Federico Aguilera Klint dálle aos argumentos dese artigo un lugar e un recoñecemento. Estés ou non a favor, publicar artigos nos que se insulta ao pobo ucraíno (“exército nazi”) e se ensalza a figura de Vladimir Putin é cando menos poñer no mesmo nivel a vítimas e verdugos, confundir a verdade coa mentira. É prestarse a ser colaboradores de Putin e os seus secuaces.
 
Eu decidín darme de baixa na revista porque non estou disposto a colaborar en nada con aqueles que se solidarizan con Putin. A miña solidariedade está con aqueles que sofren a opresión dese ditador, tanto dentro como fora das súas fronteiras. Cancelar a subscrición era o mínimo. Prefiro estar tranquilo coa miña conciencia.

Un cartaz coa faciana de Putin distorsionada cos rasgos de Hitler
Un cartaz coa faciana de Putin distorsionada cos rasgos de Hitler
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.