Mensaxe no Día da Galiza Mártir: que as institucións con gobernos do PP non asistan para "quedar ben"

O deputado do BNG Luís Bará criticou a "escenificación absolutamente hipócrita e oportunista" que supón a presenza dun membro do goberno da Xunta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no acto.

Por Europa Press / Redacción | Poio | 17/08/2023 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O municipio pontevedrés de Poio acolleu este xoves, Día da Galiza Mártir, un acto institucional en homenaxe ao Alexandre Bóveda. Durante o acto, o vicepresidente da fundación que leva o nome do histórico galeguista, David Otero, dixo esperar que a presenza de representantes de institucións gobernadas polo PP, como a Xunta, non sexa só "por quedar ben".

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participa na homenaxe a Alexandre Bóveda polo Día dá Galiza Mártir, en Poio (Pontevedra).. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participa na homenaxe a Alexandre Bóveda polo Día dá Galiza Mártir, en Poio (Pontevedra).. XUNTA

Neste acto de homenaxe na Caeira, no que o filólogo, investigador e poeta Carlos Solla recibiu o XII premio Galicia Mártir, participaron este ano o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o novo alcalde de Poio, o popular Ángel Moldes, entre outros.

Esta notable presenza de políticos do PP non pasou desapercibida no discurso do vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, que dixo: "Gustaríanos que a vosa presenza en ningún momento respondese á oportunidade de quedar ben e logo, veña, ata o ano que vén".

E é que ata este ano esta ofrenda floral no lugar no que foi fusilado Bóveda non contara coa presenza de ningún representante do goberno da Xunta de Galicia do PP --o ano pasado si asistira o secretario xeral de Política Lingüística--.

David Otero recalcou que esta presenza neste Día da Galiza Mártir "non dá indulxencias, nin desculpas, para esquecementos, dúbidas e silencios, ou falta de toma de decisión" e, como Fundación, pregúntanse: "Serán horas de que esixir a verdade, a reparación, a inocencia e a honra das e dos mártires non sexa unha anomalía?".

Igualmente foi reivindicativa a intervención de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, que sinalou que Galicia necesita "galeguismo orzamentario", porque "do que imos sobrados é de galeguismo de vocabulario e de homenaxes de escenario".

O acto estivo conducido pola concelleira de Cultura de Poio, Natalia Sabarís, e pechouse co discurso do alcalde, Ángel Moldes, que lembrou que hai xa anos que se comprometeu a que, independentemente de quen gobernase, "a memoria de Bóveda seguirá viva, non só o 17 de agosto", pois Alexandre é "patrimonio de todas e de todos" e "patrimonio de Galicia".

Este acto central do Día da Galiza Mártir contou contou coa presenza de asociacións de memoria e concelleiros e cargos políticos de todos os partidos políticos con representación en Pontevedra e Poio, PP, BNG e PSOE, ademais do alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores; e do deputado autonómico do Bloque Xosé Luís Rivas 'Mini'.

Para esta mesma tarde, está previsto un acto relixioso na capela do cemiterio de San Mauro ao que seguirá un acto cívico organizado polo Partido Galeguista e a Fundación Alexandre Bóveda ao que irá o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Pola súa banda, o BNG organizou un acto político para as 20,00 da tarde na praza de Curros Enríquez.

O deputado do BNG Luís Bará pediu institucionalizar o Día da Galiza Mártir e criticou a "escenificación absolutamente hipócrita e oportunista" que supón a presenza dun membro do goberno da Xunta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no acto de celebración, en Poio.

"Para un intento de desvirtuar o significado de Galiza Mártir, de desnaturalizar o sentido profundamente político da obra de Bóveda e as razóns do seu asasinato, e de instaurar unha sorte de equidistancia propia dos discursos revisionistas", denunciou, nun comunicado, Bará. A formación nacionalista incidiu en que a Xunta do PP ten que decidir "se está xunto ás victimas do franquismo ou se está cos verdugos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta