CC.OO. acode á valedora ante a externalización das interrupcións voluntarias de embarazo polo Sergas

Segundo CCOO, a decisión da Xunta "é consecuencia" da "negativa" da propia Administración galega a crear o rexistro de profesionais objetores de conciencia previsto na lexislación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras anunciou que levará ante a valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, a licitación dun contrato por valor de 1,4 millóns de euros para que clínicas privadas asuman derivacións do Servizo Galego de Saúde para realizar intervencións cirúrxicas de interrupcións voluntarias de embarazo.

Nun comunicado remitido aos medios este martes, o sindicato cualifica de "intolerable" que se externalicen unhas intervencións que, como lembran, supoñen o exercicio dun dereito das mulleres recoñecido por lei que, por tanto, deben poder levar a cabo na sanidade pública.

Apuntan que seis de cada dez abortos que se practican en Galicia cada ano realízanse en clínicas privadas, polo que ven "prioritario" que se dediquen recursos a "reforzar" o sistema pública en lugar da "derivar unha parte considerable" destes fondos a "financiar á empresa privada".

Segundo Comisións, a decisión da Xunta "é consecuencia" da "negativa" da propia Administración galega a crear o rexistro de profesionais objetores de conciencia previsto na lexislación.

Por iso, solicitan á valedora que interceda para que o Goberno galego dea este paso e "afaste os seus prexuízos ideolóxicos dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres galegas" para que estas poidan abortar "no centro público de referencia e máis próximo do domicilio da muller solicitante".

E é que, neste sentido, o sindicato advirte das diferenzas que presentan os distintos distritos sanitarios, xa que os datos de Vigo ou Santiago co 100% e o 91% dos abortos practicados en centros públicos contrasta co 37% que presenta a área da Coruña ou o 51% de Ferrol.

Así as cousas, CC.OO. acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "actuar á marxe da lei e do feminismo" coa licitación dun contrato "en pleno verán" que "pon en risco que as mulleres poidan elixir libremente".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta