CC.OO. formaliza a queixa ante a Valedora do Pobo pola "externalización" dos abortos por parte do Sergas

Para a secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, é "intolerable" que a Xunta "xustifique" a medida nunha suposta "falta de recursos, tanto materiais como humanos" e esíxelle "cambios nas súas políticas para garantir que as mulleres poidan exercer este dereito nos hospitais públicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2023 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O sindicato CC.OO. formalizou este xoves ante a Valedora do Pobo a queixa pola "externalización" por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) das interrupcións voluntarias do embarazo (IVE). A licitación, prevista por tres anos ampliables a cinco ten un custo de 1,4 millóns de euros.

Para a secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, é "intolerable" que a Xunta "xustifique" a medida nunha suposta "falta de recursos, tanto materiais como humanos" e esíxelle "cambios nas súas políticas para garantir que as mulleres poidan exercer este dereito nos hospitais públicos".

Ademais, cualifica de "pouco fundamentadas" as explicacións ofrecidas polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen atribuíu a decisión a unha "recomendación" do Consello de Contas. Neste sentido, aclara que a recomendación é que exista "un contrato" para dar cobertura a unha práctica recorrente por parte da Administración, sen que iso sexa "óbice" para aumentar os recursos destinados ao sistema público.

CC.OO. lembra que, segundo os datos divulgados pola propia administración, seis de cada dez interrupcións voluntarias do embarazo practícanse na rede pública, polo que Amelia Pérez considera que a "suposta ausencia de recursos pódese suplir perfectamente reforzando o investimento no Sergas", unha vella reivindicación de CC.OO.

A queixa rexistrada pon énfase no recoñecemento expreso (no prego da licitación) da suposta imposibilidade de que os servizos sanitarios públicos do Sergas poidan prestar dita asistencia con recursos humanos, materiais e de infraestrutura cos que conta na actualidade.

Para CC.OO., esta aseveración é "contraria ao establecido" na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que establece "o dereito das mulleres" á interrupción do embarazo en todos os supostos contemplados pola normativa vixente de aplicación.

"Á MARXE DA LEI E DO FEMINISMO"

Amelia Pérez tachou a media de situarse "á marxe" da Lei 1/2023, do 28 de febreiro, de saúde mental e reprodutiva, que recolle moitas das reivindicacións e propostas polo propio sindicato e o movemento feministo.

Por iso, a secretaria xeral de CC.OO. lamentou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "actúe á marxe da lei e do feminismo" con esta licitación "en pleno verán", e "pondo en risco que as mulleres poidan decidir libremente".

Manifestación en Santiago de Compostela a prol do aborto libre e gratuíto
Manifestación en Santiago de Compostela a prol do aborto libre e gratuíto | Fonte: Galiza Contrainfo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta