Román Rodríguez apela á comunidade educativa para que o modelo galego siga como "sinónimo de calidade e equidade"

A CIG censura que a Xunta non se comprometa a negociar a "recuperación de dereitos docentes" nin a incorporala nos orzamentos para 2024.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/09/2023 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pediu a colaboración dos integrantes do Consello Escolar de Galicia para que o modelo educativo galego "continúe avanzando como sinónimo de calidade e equidade". Así se pronunciou durante a súa participación na tarde deste mércores nunha reunión do Consello Escolar de Galicia, órgano integrado por representantes de toda a comunidade educativa: profesorado, Anpas, sindicatos, Administración local e Universidade, entre outros.

Segundo indicou a Xunta nun comunicado, no encontro, o conselleiro agradeceu o labor da comunidade educativa para que o inicio deste curso 2023/24 transcorra con totalidade normalidade. Ademais, o titular do departamento autonómico debullou as liñas mestras da Consellería neste ano académico, que pasan polo apoio ás familias, o impulso á dixitalización da educación e o reforzo da convivencia. Tamén puxo en valor a consolidación dos ensinos de FP e o seu salto cualitativo e cuantitativo nos últimos anos.

CRÍTICAS DA CIG

Tras o encontro, a CIG denunciou que, despois de ser interpelado directamente polo sindicato no pleno do Consello Escolar, Román Rodríguez limitouse a "utilizar propagandística e partidariamente o que debería de ser o principal órgano de participación da comunidade educativa galega".

A central nacionalista, que criticou que o pleno do Consello Escolar de Galicia "só se reúna cando lle interesa á Consellería", sostivo que as "cifras e propaganda" da Xunta "chocan coa realidade que se vive nos centros, con profesorado absolutamente sobrecargado de traballo e con recortes de persoal e de recursos en todas as etapas educativas".

Neste sentido, o secretario nacional do sindicato nacionalista, Suso Bermello, lembrou que a demanda de recuperar o horario que tiña o profesorado galego coa chegada do PP á Xunta "non é nova" e subliña que "se o que quere" o conselleiro é "dar resposta ás demandas do sistema educativo galego" comprométase a "entregar unha proposta aos sindicatos neste mes de setembro de recuperación dos dereitos arrebatados fai máis dunha década".

Ademais, empraza a Educación a confirmar que nos orzamentos da Xunta para 2024 incluirase a partida que a súa Consellería estime necesaria para que se volva ao horario das 18 e 21 horas. Por último, sobre o anuncio no Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a oferta de emprego para o próximo ano, o sindicato considera necesaria unha ampla convocatoria de oposicións que permita realmente aumentar os cadros de persoal docente. Preguntadas polas críticas do sindicato, fontes da Consellería sinalaron que a recuperación do horario do persoal non foi abordada polo conselleiro "dado que é unha reunión informativa sobre o inicio do curso escolar".

Escolas Infantís
Escolas Infantís | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta