Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2023 | Actualizada ás 12:05
Os cinco proxectos de instrumentación e ensaios científicos de institutos da Coruña, Lugo e O Grove, seleccionados no certame 'AntarticLab CSIC' viaxarán a mediados de novembro á Base Antártica Española Juan Carlos I.
Este certame, promovido polo CSIC con apoio da Xunta e da empresa tecnolóxica Marine Instruments, foi posto en marcha hai un ano e enmárcase no Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sustentable 2021-2030.
De entre as propostas presentadas foron seleccionadas "Positivízate!!", do CIFP Universidade Laboral (A Coruña); "Medición da calidade do aire no interior da Base Antártica Española", do CIFP As Mercedes (Lugo); "MULTISENS", do IES Monte da Vila (O Grove); "Smart Person Tracking LoRaWAN", do IES Urbano Lugrís (A Coruña) e "Monitorización do crecemento dos líquenes antárticos", do IES Urbano Lugrís (A Coruña).
O certame, cuxo obxectivo era dar visibilidade e pór en valor as capacidades da Formación Profesional a través do desenvolvemento de instrumentos ou do deseño de experimentos, desenvolveuse a través de varias fases: presentación de propostas e desenvolvemento por escrito da idea; construción do proxecto (prototipo ou deseño experimental); entrega e presentación de cada proposta a través de vídeos divulgativos e a fase final: embarque dos prototipos e materiais dos ensaios no Buque Oceanográfico Hespérides, con destino á Base Atlántica Juan Carlos I, para a campaña 2023-2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.