Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/09/2023 | Actualizada ás 15:33
En Galicia, cun terzo do soldo, só se podería alugar unha vivenda de 65 metros cadrados, é dicir, 15 metros cadrados menos que unha vivenda tipo, establecida en 80 metros cadrados, segundo o estudo 'Relación de salarios e a compra de vivenda' de Fotocasa. Esta análise baséase nos prezos medios da vivenda en aluguer do índice inmobiliario de Fotocasa e os datos dos soldos medios das ofertas de emprego da plataforma InfoJobs.
Isto supón que, tendo en conta o salario bruto medio mensual de Galicia en 2022 rexistrado por InfoJobs (1.841 euros) e o prezo do metro cadrado da vivenda en aluguer en agosto de 2023 (8,46 euros/m2 ao mes), o galego medio podería alugar 65 metros cadrados de vivenda cos 552 euros que supón destinar o 30 % do salario medio recomendado. Ademais, se un terzo do soldo bruto mensual equivale a 552 euros (65 m2 de vivenda), o galego medio necesitaría 125 euros para poder alugar os 80 metros cadrados que ten unha vivenda tipo en España.
PROVINCIAS
En Pontevedra, co 30 % do salario bruto mensual (equivalente a 543 euros), un residente pode alugar unha vivenda de 56 metros cadrados. Isto é, 24 metros cadrados menos que o tamaño estándar dunha vivenda en España. Para poder alugar unha vivenda de tamaño estándar en Pontevedra, un residente necesitaría engadir 228 euros ao orzamento, chegando a un total de 771 euros mensuais (xa que o prezo medio é de 9,64 euros/m2 ao mes). Doutra banda, en Ourense, co 30 % do salario bruto mensual (equivalente a 562 euros), un residente pode alugar unha vivenda de 86 metros cadrados. Isto é, 6 metros cadrados máis grande que o tamaño estándar.
HABITACIÓNS A ESTUDANTES
Por outra banda, o 35 % dos anuncios de habitacións en pisos compartidos na Coruña "explicitan a súa preferencia por convivir con estudantes", mentres que o 54 % dos anuncios solicitan que os novos inquilinos sexan traballadores, segundo un estudo de Idealista. No caso de Pontevedra, estas porcentaxes varían lixeiramente ao 37 % para estudantes e o 50 % para traballadores. En ambas as provincias o prezo non varía e, de media, sitúase en 290 euros. O informe non dispón de datos para as provincias de Ourense e Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.