Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2023 | Actualizada ás 12:53
O Diario Oficial de Galicia publica este luns a convocatoria de 18 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos. As accións formativas suman máis de medio milleiro prazas e desenvolveranse desde outubro ata finais de ano na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Segundo a resolución publicada, poderán participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20% das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp ata as 14,00 horas do 3 de outubro.
A programación formativa suma máis de 300 horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial, semipresencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de maneira cotiá os corpos e forzas de seguridade, como entrada e rexistro de inmobles, inspección de locais ou autoprotección táctica.
Entre os contidos máis sociais prevense sesións vinculadas á diversidade sexual, de xénero e orientación sexual, ás intervencións en casos de violencia de xénero e aos delitos contra a liberdade e intimidade sexual e xustiza xuvenil, entre outras. Ademais, haberá formación centrada en delitos relacionados coas novas tecnoloxías, administración electrónica e certificado dixital, Google Earth para o traballo policial ou operador en sistema Eucaris.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.