Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2023 | Actualizada ás 16:30
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, asinou a resolución pola que concede licenza de obra ao proxecto presentado pola Consellería de Cultura para a restauración de cubertas e carpintarías da igrexa e sancristía de San Martiño de Sobrán. O edificio é unha das xoias do Románico en Galicia e, por tanto, tamén un dos principais valores patrimoniais de Vilagarcía de Arousa.
Segundo indicou o concello nun comunicado, as obras suporán un investimento de preto de 160.000 euros e xa foron licitadas, cun prazo de execución de 3 meses.
A propia consellería explicou que o obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías máis urxentes do edificio provocadas polo paso do tempo e os últimos temporais. Deste xeito, co proxecto preténdese solucionar os problemas derivados da entrada de auga e dos morteiros de cemento na portada principal, mellorar as condicións de conservación e eliminar o impacto arquitectónico negativo da falsa bóveda do século XX da capela e da sancristía sobre a ábsida románica.
Para iso, substituiranse as cubertas da capela lateral e da sancristía que se atopan en mal estado, eliminaranse os morteiros de cemento na portada oeste e faranse intervencións puntuais na cuberta do templo para evitar filtracións de auga e nas carpintarías exteriores para aumentar a ventilación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.