A Xunta defende a atención ao colectivo LGTBI en centros educativos e di que debe ser unha competencia "compartida"

O BNG lembrou que a taxa de infradenuncia para casos de lgtbifobia é do 90 %. "Temos un problema dentro do colectivo. Se invisibiliza, non se lles dá voz. E mesmo cando se denuncia, a resposta é irrisoria", lamentou.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2023 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

A directora xeral de Educación, Judith Fernández, defendeu a atención que se lle presta ao colectivo LGTBI no ámbito educativo galego, que considera un "espazo seguro", pero remarcou que a súa inclusión non é unha competencia "exclusiva" da Consellería, senón que debe ser "compartida por todos".

Judith Fernández compareceu este xoves ante a Comisión 1ª do Parlamento a petición do grupo nacionalista, que rexistrou unha pregunta sobre as valoracións e previsións da Xunta respecto da situación das persoas LGTBI nos centros educativos. A directora xeral afirmou que os centros "contan cos recursos suficientes para ser considerados espazos de confianza, onde poden atopar recursos e atención adecuada ás súas necesidades", aínda que concedeu que "non hai risco cero".

Baseou a súa intervención no último informe publicado polo Consello da Cultura Galega respecto diso, no que se incluían unha serie de recomendacións que, apuntou, cumpren na súa maioría. Así, incluíuse a realidade LGTBI nos plans educativos de todas as etapas, tamén o que respecta á educación afectivosexual. A este respecto, citou programas en colaboración con outras consellerías como o Quérote+, con Política Social, o Xentecondón, con Sanidade, ou 365 días de respecto e igualdade, con Fomento do Emprego e Igualdade.

Estas actividades desenvolvéronse en 630 centros, con máis de 4.500 proxectos desenvolvidos. Tamén citou os denominados Contratos Programa, que contan cunha liña específica sobre a igualdade, abordando o respecto á diversidade sexual e o tratamento da lgtbifobia. Nesta iniciativa, indicou, participaron 367 centros e 3.858 docentes. Judith Fernández coincidiu co BNG ao recoñecer que estes temas non deben abordarse unicamente en datas sinaladas e conmemoracións, subliñando sobre isto que os centros "contan con autonomía para programar diferentes actividades".

En canto á formación do persoal docente, informou do itinerario específico de convivencia incluído no plan de profesorado e a obrigación de realizar un curso de igualdade. Ademais, os programas formativos do departamento contan cun módulo de igualdade que formou, na última década, a 23.000 docentes (o 73 % do profesorado). Sobre os recursos persoais, sinalou que ademais de profesionais especializados e dos orientadores, están as unidades de acompañamento persoal e familiar e a rede de coordinadores de benestar e convivencia, presente en todos os centros.

"PREOCUPANTE A AUTOCOMPRACENCIA", PARA O BNG

Pola súa banda, a nacionalista Iria Carreira, tachou de "preocupante" a "autocompracencia" que, na súa opinión, mostrou a directora xeral na súa intervención. "Non minimizo as actividades que desenvolven desde a Consellería, pero considera realmente que son suficientes?", preguntou a deputada, en relación aos últimos casos coñecidos de acoso.

Ademais, lembrou que a taxa de infradenuncia para casos de lgtbifobia é do 90 %. "Temos un problema dentro do colectivo. Se invisibiliza, non se lles dá voz. E mesmo cando se denuncia, a resposta é irrisoria", lamentou. Destacou ademais que non todos contan cunha familia acolledora, polo que os centros educativos "teñen que ser espazos verdadeiramente libres de odio e discriminación".

BANDEIRA LGTBI+
BANDEIRA LGTBI+ | Fonte: DEPUTACIÓN FORAL DE ÁRABA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta