Galaxia pecha a "crise" da dimisión de Francisco Castro con consenso e elixindo un sucesor con perfil "empresarial"

Os integrantes do Consello de Administración de Galaxia estarían próximos a elixir unha persoa que pode ser anunciada este mesmo venres. "Vai supoñer un peche da crise que vai deixar un bo sabor de boca", apuntan conselleiros da editorial tras a crise provocada pola dimisión de Francisco Castro.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 19/10/2023 | Actualizada ás 22:23

Comparte esta noticia

A histórica editorial Galaxia podería nomear a un novo secretario xeral nas vindeiras horas. As 16 persoas que integran o seu Consello de Administración atoparon xa a unha persoa que vai substituír a Francisco Castro, que dimitiu do seu cargo tras unha abrupta polémica en redes sociais logo da publicación dunha entrevista do escritor Alberto Ramos na que criticaba duramente a súa xestión á fronte da editorial.

A presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira Porto, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión.. EDITORIAL GALAXIA
A presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira Porto, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión.. EDITORIAL GALAXIA

Un mes despois da saída de Castro semella que o Consello de Administración da editorial atopou xa un substituto. E chegará a este posto con case o total respaldo deste órgano. Segundo as fontes consultadas por Galicia Confidencial, o sucesor de Castro á fronte da senlleira editorial conta co visto e prace de todos os conselleiros. De feito, é a primeira vez en moitos meses que hai un consenso tan grande no organo reitor da editorial. "Podo asegurar que a persoa que ven o vai chegar cun amplísimo consenso", apuntan as fontes consultadas. "Vai supoñer un peche da crise que vai deixar un bo sabor de boca", indican. 

O novo nomeamento poderíase darse a coñecer este mesmo venres logo da xuntanza que manterá o Consello de Administración. Algúns dos seus integrantes, dada a importancia desta nova designación, farano vía telemática.

"PERSOA MOI BOA"

As fontes consultadas indican que se buscou un perfil de consenso e que non teña tanta exposición pública como tiña Francisco Castro. Ademais primou na escolla unha persoa que coñeza o mundo da xestión. "En termos empresariais e de proxecto Galaxia a persoa elexida é moi, moi boa. Francamente é unha boa escolla", sinalou este integrante do Consello de Administración a Galicia Confidencial.

Esta decisión foi confirmada por outro membro deste órgano que indicou que, efectivamente, hai un gran consenso no perfil escollido. O Consello de Administración de Galaxia busca con esta designación rematar cun vacío de máis dun mes na Dirección Xeral da editorial e, sobre todo, acabar coas divisións internas provocadas polo proceder do anterior director xeral, especialmente, pola súa sobreexposición pública, algo que non era ben visto por algúns conselleiros. 

"O máis importante é manter a imaxe histórica que sempre tivo Galaxia", aseguran as fontes consultadas. Queda aínda por ver como vai ser a resolución final da saída de Castro da editorial, un punto no que, por agora, non hai consenso. "Outra cousa é a saída de Francisco e como se vai xestionar iso", din as fontes consultadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Alegrámonos pola cultura galega... Ogallá aprendamos que eso que algúns chaman "exposición pública" non ten nada que ver con ser un "bocazas" nas redes sociais... Últimamente en Vigo tivemos e temos unha chea de voceiros do "novo mundo" (ese mundo que non acabamos de ver por ningures) dispostos a pontificar sen dar razón algunha máis ca súas respectivas ideoloxías de Cafetería (o arrivismo de esquerdas comeza a ser preocupante!) Este bocachanclas seguro que vai pretender unha indemnización millonaria por deixar en paz a Galaxia (?) Veremos...