O Goberno galego transferirá fondos aos concellos para "compensar" o imposto sobre vertedura e incineración de residuos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2023 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia transferirá o próximo ano unha partida de 12 millóns de euros aos concellos galegos co fin de "compensar o impacto que terá o imposto estatal sobre a vertedura e a incineración de residuos sobre o prezo destes servizos e, por tanto, na economía da súa veciñanza".

En concreto, segundo explicou a administración autonómica, a achega económica do Goberno galego farase a través do Fondo de cooperación local. A través desta ferramenta de financiamento ás entidades locais, incluiranse estes 12 millóns na parte adicional. A repartición deste fondo adicional poderá facerse en función do número de habitantes dos concellos ou ben das cotas actuais do tributo, co fin de incentivar un uso eficiente dos recursos e minimizar os residuos destinados aos vertedoiros.

Ademais, a Xunta indicou que estes impostos obrigan aos xestores de residuos domésticos, como é o caso de Sogama, a repercutilos no importe do canon que abonan os concellos aos que presta servizo (295 dos 313 de toda Galicia). Deste xeito, o canon fixado para o ano 2024 quedará en 78 euros por tonelada.

Nunha nota de prensa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destacou que a Xunta se opuxo desde o principio ao establecemento de novos gravames á vertedura e á incineración do lixo, unha das novidades incluídas polo Goberno na Lei de residuos e chans contaminados para unha economía circular, aprobada en 2022.

Imaxe do vidro entre os materiais inertes
Imaxe do vidro entre os materiais inertes | Fonte: SOGAMA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta