Sanidade sobre o parking do CHUS: "Quen pense que así se resolven os problemas de aparcadoiro do hospital, písao pouco"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que a posta a disposición dunha parcela por parte do Concello de Santiago para construír un aparcadoiro que dea servizo ao Hospital Clínico "pode axudar" a liquidar os problemas de mobilidade na contorna do complexo sanitario, pero non os resolve "todos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2023 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que a posta a disposición dunha parcela por parte do Concello de Santiago para construír un aparcadoiro que dea servizo ao Hospital Clínico "pode axudar" a liquidar os problemas de mobilidade na contorna do complexo sanitario, pero non os resolve "todos".

"Quen pense que con esa parcela resólvense todos os problemas de aparcadoiro neste complexo, písao pouco", sentenciou a preguntas dos medios este venres o titular de Sanidade precisamente no propio CHUS, onde participou na presentación dun novo proxecto impulsado pola Fundación de Medicina Xenómica de Galicia.

Preguntado pola iniciativa aprobada no pleno da corporación santiaguesa co apoio de BNG, Compostela Aberta e PSOE (o PP abstívose) que insta á Xunta a construír o aparcadoiro na parcela cedida polo goberno municipal, García Comesaña incidiu en que a habilitación dun parquin é "só unha pequena parte" dos "problemas" de mobilidade que ten o complexo santiagués.

Así pois, recoñeceu que o estacionamento será un dos temas que estarán sobre a mesa na reunión que manterá o Goberno galego coa alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, o próximo 7 de novembro co obxectivo de abordar a ampliación do Hospital Clínico. "Esta reunión enmárcase dentro deste proceso que levamos facendo co concello de tentar buscar entre todos esa mellor solución", afirmou Comesaña, que incidiu na importancia de pór en marcha o proxecto que contempla a construción do centro de prontoterapia e no que deben abordarse as situacións que "derivan" destas ampliacións.

Avogou por buscar solucións "a futuro" que contemplen solucións para o transporte urbano e interurbano, así como para os accesos e o aparcadoiro. "A idea é falar de todas elas, pero non exclusivamente dunha parcela concreta que ademais non está especialmente preto do hospital", engadiu o conselleiro sobre a parcela que o goberno santiagués cede á Xunta para crear o parquing. "En todos os complexos hospitalarios hai aspectos de mobilidade e de aparcadoiro que hai que resolver, pero os concellos teñen que participar na decisión e tamén nas solucións", concluíu.

CHUS, Hospital Clínico de Santiago
CHUS, Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Sergas - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta