Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2023 | Actualizada ás 13:05
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou o compromiso do Goberno autonómico coa protección do patrimonio cultural no que se investiron máis de 55 millóns de euros nos últimos cinco anos. "O patrimonio é historia, pero tamén recordos e identidade dos pobos, o noso deber é conservalo, protexelo e saber legalo aos que virán despois", sinalou no Congreso Hispania Nostra 'O patrimonio, unha responsabilidade compartida'.
Na súa intervención, Rueda asegurou que o patrimonio é "pasado, presente, pero sobre todo é futuro" e remarcou que manter en perfecto estado os bens dun territorio é algo que "impulsa o sentimento de identidade e orgullo" do pobo, á vez que pode xerar beneficios socioeconómicos na contorna. Así, puxo como exemplo o Camiño de Santiago. "Desde o punto de vista patrimonial, o Camiño é falar da historia da humanidade, de explicar como se construíu Europa", salientou.
E tras asegurar que a conservación do patrimonio é unha "responsabilidade ineludible á que debe contribuír toda a sociedade" (administracións, empresas e cidadanía), lembrou que a Xunta "segue reforzando o seu compromiso pola protección do patrimonio", ao aumentar nun 7 por cento a partida destinada a esta cuestión nos orzamentos de 2024, ata os 10,4 millóns. Rueda non obviou tampouco o labor realizado nos últimos anos na Ribeira Sacra, co obxectivo de "impulsar a súa candidatura" para o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade Unesco. Así, a Xunta investiu 7,2 millóns de euros en pór en valor os bens desta zona.
200 ESPECIALISTAS
O congreso no que interveu reúne a ao redor de 200 especialistas en diversas disciplinas relacionadas co patrimonio cultural de numerosos países e que se darán cita ata o sábado en Santiago de Compostela. O simposio, que comezou ás 9 horas no Paraninfo da USC da Facultade de Xeografía e Historia, está organizado pola asociación Hispania Nostra (www.hispanianostra.org) e pretende promover a necesidade da participación social na conservación do patrimonio cultural ao entender que este constitúe unha inmensa riqueza que pertence ao conxunto da sociedade.
Xunto ao presidente da Xunta, a presidenta de Hispania Nostra, Araceli Pereda, foi a encargada de inaugurar o congreso internacional. Durante o discurso inaugural, Pereda lembrou que "calquera manifestación do patrimonio constitúe unha inmensa riqueza que pertence e representa ao conxunto da humanidade". Por iso, asegurou, "a súa conservación é unha responsabilidade que non pode, nin debe, quedar circunscrita ao ámbito de técnicos e políticos, senón que compete á sociedade no seu conxunto". Primeiro, engadiu, porque é "a creadora e usuaria de todo o patrimonio cultural e, en segundo lugar, porque dela "emanan tanto as normas protectoras como as institucións encargadas da súa aplicación" e, por conseguinte, "é a principal e última responsable da súa conservación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.