A Xunta insiste no seu apoio aos eólicos: "Acatamos as resolucións do TSXG pero imos recorrelas"

Rueda evita pronunciarse sobre a decisión do Tribunal Constitucional de rexeitar os recursos contra o imposto ás grandes fortunas e asegura que o recurso do Goberno contra a Lei do litoral é máis "político" que "xurídico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Xunta acata pero non comparte as numerosas resolucións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ordenou a paralización de varios parques eólicos por afectar seriamente ao patrimonio e ao medioambiente a pesar de ser declarados proxectos industriais prioritarios por parte do Consello da Xunta.

Eólico
Eólico | Fonte: Confederación de Empresarios de Galicia

"Xa saben o que opinamos sobre algunhas resolucións. Temos que acatalas pero pensamos recurrelas porque poñen en entredito, cando non directamente enmandan, dictámentes de técnicos da Xunta feitos con total rigor", respondeu este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Fíxoo tras ser preguntado por GC pola denuncia de varios colectivos e o alcalde de Barro que maquinaria pesada das empresas eólicas segue traballando en parques a pesar das resolucións do TSXG que ordenaban a súa paralización. "Non coñezo eses casos pero entendo que hai un pronunciamento xudicial e hai que respectalo", limitiouse a responder.

RECURSO CONTRA O IMPOSTO Ás GRANDES FORTUNAS

Por outra banda, preguntado pola decisión avanzada polo Tribunal Constitucional de rexeitar os recursos contra o imposto ás grandes fortunas presentados por comunidades como Galicia e Madrid, Rueda sinalou que aínda non se coñece o contido da sentenza e que a Xunta esperará a coñecer o contido do fallo xudicial sobre o recurso galego para decidir que os pasos que tomará respecto diso.

LEI DO LITORAL

O presidente da Xunta tamén se referiu ao recurso do Goberno contra a Lei galega do litoral, que este xoves se publica no Boletín Oficial do Estado (BOE) e dixo que é máis "político" que "xurídico". Así, censurou que a Xunta siga sen coñecer as "razóns" concretas polas que se recorre a norma tendo en conta que aínda non se lle remitiu o ditame do Consello de Estado sobre a lei.

Dito isto, sostivo que o impugnado é só o "15,5%" da lei a pesar de que o Goberno central dicía que a norma "era practicamente unha declaración de independencia". Fronte a iso, afirmou que se recuren "letras, nin sequera artigos". Por iso, sostivo que, tras unha primeira valoración por parte dos servizos xurídicos da Xunta, confírmanse as pretensións do Goberno galego de que este recurso é máis "político" que "xurídico".

Rueda puxo como exemplo o feito de que se recorre o artigo 29 "por ir en contra da Constitución" a pesar de que se limita a sinalar que "o uso do litoral realizarase conforme ao principio de desenvolvemento sustentable, de modo que se propicie o uso racional dos recursos naturais harmonizando os requirimentos da economía, a cohesión social, a igualdade de trato e oportunidades, a saúde, a seguridade das persoas e a protección do medio ambiente". O presidente galego censurou que ao Goberno central e "ao señor Sánchez lles pareza inconstitucional" este parágrafo pero non todo o contemplado no seu acordo cos independentistas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta