Feijóo premia a Manuel Baltar coa Presidencia da comisión de Reto Demográfico no Senado

O expresidente da Deputación de Ourense ten aberta unha causa no Tribunal Supremo.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 05/12/2023 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O senador popular e expresidente do PP provincial de Ourense, Manuel Baltar, que ten unha causa aberta no Tribunal Supremo (TS), tras ser cazado a 215 km/h ao volante, será o novo presidente da Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico do Senado.

Segundo informaron fontes do PP, Manuel Baltar será un dos nomes que ocupen a Presidencia das comisións que se constitúen este martes e onde os 'populares' ostentarán case todas as presidencias, salvo a Comisión de Orzamentos.

Manuel Baltar chegou ao Senado nesta lexislatura como parlamentario por designación autonómica de Galicia apenas un mes despois de que este renunciase a seguir á fronte da Deputación de Ourense. Despois de non lograr a maioría absoluta na corporación provincial nas eleccións do 28 de maio, buscou así facilitar que o seu partido puidese conservala, segundo afirmou el mesmo.

Posteriormente, completou a súa retirada deixando as rendas do partido provincial, que agora dirixe unha xestora liderada polo actual presidente da Deputación, Luís Menor, un dirixente da confianza do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.

O pasado 21 de novembro coñeceuse que o Tribunal Supremo acordou abrir procedemento e investigar a Manuel Baltar ao apreciar indicios dun delito contra a seguridade viaria.

A Sala do Penal do Supremo recibiu o pasado 27 de setembro testemuño de xuízo rápido e dilixencias urxentes remitidas por xulgados de Zamora e Poboa de Sanabria, incoadas en virtude de ateigado da Garda Civil pola comisión dun presunto delito contra a seguridade viaria ao conducir o senador e presidente do PP de Ourense un vehículo a motor a velocidade superior á determinada no Código Penal.

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche da Deputación de Ourense.

Luís Menor, novo presidente da Deputación de Ourense, abrázase co seu antecesor, Manuel Baltar.. ROSA VEIGA
Luís Menor, novo presidente da Deputación de Ourense, abrázase co seu antecesor, Manuel Baltar.. ROSA VEIGA | Fonte: EUROPA PRESS

MÁIS "PEMIADOS" POR FEIJÓO

Ademais da designación de Manuel Baltar como presidente da comisión que abordará os asuntos demográficos, hai outros senadores ligados á Comunidade á fronte destes órganos. Por exemplo, o tamén alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela será o presidente da Comisión de Defensa; mentres que a ourensá Carmen Leyte presidirá a dos dereitos das familias.

O lucense José Manuel Barreiro será o presidente da Comisión de Economía; e Juan Carlos Serrano, presidente da Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade. Así mesmo, a senadora electa pola Coruña Verónica Casal será a presidenta da comisión que fará seguimento as estratexias acordadas polo Senado dentro do Pacto de Estado contra a violencia machista.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, José Crespo, será o vicepresidente primeiro da Comisión de Agricultura; o exalcalde de Ribeira (que ademais é portavoz na de Pesca), será secretario primeiro da Comisión de Asuntos Iberoamericanos; e a coruñesa Rosa Gallego, vicepresidenta primeira na Comisión de Función Pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Ten lóxica: é un experto en despoboamento.