Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/12/2023 | Actualizada ás 18:33
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activará na madrugada deste mércores a xoves unha alerta laranxa por intensas choivas no suroeste da Coruña e nas Rías Baixas, na provincia de Pontevedra.
Segundo previsións de Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), este fenómeno adverso comezará de madrugada con precipitacións acumuladas de 80 milímetros en 12 horas.
Pero este non será o único aviso que activará a Xunta, xa que haberá outra alerta amarela por choivas de entre 40 e 70 milímetros en 12 horas no oeste da Coruña, o noroeste de Ourense e o interior e a zona do Miño de Pontevedra.
Tamén estará en amarelo por temporal costeiro todo o litoral galego e por vento en terra que soprarán desde o suroeste, con refachos de ata 80 quilómetros por hora no oeste da Coruña e a comarca lucense da Mariña.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xa informou desta situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Ante as fortes choivas, a Xunta recomenda circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas alagadas ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.