Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2023 | Actualizada ás 19:47
A organización ecoloxista Adega presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para solicitar que investigue posibles danos á saúde e ao medio ambiente pola actividade de empresas no polígono das Somozas. Nun comunicado emitido este venres, Adega informou que trasladou ao Ministerio Público un "completo informe" no que relata os "numerosos espisodios de contaminación" que, din, protagonizaron empresas das Somozas ao longo do últimos dez anos mentres a Xunta "mira para outro lado".
Este asunto foi abordado nunha reunión mantida coa fiscal de Medio Ambiente e Incendios, Carmen Eiró Bouza, á que Adega asegurou que as instalacións do polígono de Ferrolterra "son unha continua fonte de verteduras e emisións que pon en risco a saúde ambiental e cidadá".Así, afirman que tanto as autoridades locais como as autonómicas "desistiron das súas funcións de seguimento e control, contribuíndo mediante o abandono e a permisividade a converter As Somozas nun perigoso foco de contaminación".
Tras sentenciar que este polígono se tornou en "un buraco negro da xestión dee os residuos industriais" en Galicia, Adega sinala o caso de Sogarisa como "un exemplo de malas prácticas e ocultación de información". Relatan o episodio de "verteduras de po branco" rexistrado no verán de 2022 que atribúe á planta de Sogarisa e que "se estenderon polos arredores afectando a outras empresas do polígono e a leiras veciñais".
Así as cousas, a organización ecoloxista considera necesario que as autoridades xudiciais deben investigar as prácticas destas empresas e a "actitude opaca" da Xunta ante os riscos de que "poidan estar a ocultar graves irregularidades e riscos sanitarios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.