Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2023 | Actualizada ás 17:36
José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira foron recoñecidos este martes co premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e o Consello Económico e Social (CES).
En concreto, foron premiados por un artigo de investigación sobre os efectos iniciais da pandemia de covid-19 nas desigualdades sociais en Galicia, un traballo publicado na Revista Galega de Economía.
O xurado, presidido polo reitor da USC, Antonio López , motivou a súa decisión, tomada por unanimidade, "na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia". O traballo de Amoedo e Sánchez-Carreira resultou distinguido na modalidade dirixida a traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, mentres que a categoría centrada en premiar teses doutorais quedou deserta.
Segundo explican os autores deste estudo, a pandemia de covid-19 tivo "un efecto considerable nas desigualdades sociais". Por iso, centráronse no informe en "identificar, medir e describir" os cambios nas desigualdades de renda en Galicia despois da pandemia. Para isto, calcularon diferentes indicadores de desigualdade de renda que permiten analizar a súa evolución antes e despois da pandemia (2014-2020), considerando as diferentes fontes de ingreso.
Os principais resultados poden sintetizarse en tres aspectos. Primeiro, a pandemia implica un incremento das desigualdades de renda en Galicia en 2020. Ademais, "aumentaron as desigualdades segundo o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos dos compoñentes do fogar, así como as desigualdades territoriais", explican Amoedo e Sánchez-Carreira.
Finalmente, as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de suavizar o efecto da pandemia nas desigualdades. "Fai falta sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas vísense claramente menos protexidos que os de maior idade", matizan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.