Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2023 | Actualizada ás 18:27
Unha masiva manifestación percorreu este sábado a localidade ourensá de Xinzo de Limia para reclamar a cobertura das prazas vacantes de pediatría na comarca, na que hai uns 1.700 nenos.
A protesta foi convocada pola Plataforma Loita Pediátrica da Limia para chamar a atención sobre a situación na que se atopa o servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Xinzo. Esixen que se restaure o servizo completo de pediatría, con dous médicos a tempo completo, desde as 8.00 ata as 15.00 horas, de luns a venres.
A manifestación contou coa participación do candidato socialista á presidencia da Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro, que esixiu ao goberno galego que reforce os servizos de pediatríadeficitarios en Galicia, con "preto do 20 por cento das prazas sen cubrir nos concellos galegos". Así, Besteiro afeou a "falta de vontade política" do Goberno galego para resolver "a falta de servizos de pediatría en 192 concellos de Galicia, así como da deterioración do servizo na Atención Primaria polos recortes aplicados á sanidade pública nos últimos 14 anos".
DÚAS BAIXAS LABORAIS
Sobre esta cuestión, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, rexeitou que a intención do Goberno galego sexa "desmantelar" o servizo de pediatría en Xinzo e lembrou que a situación obedece á concorrencia de baixa laboral dos dous pediatras deste centro.
Así, quixo lanzar a "mensaxe clara e inequívoca de que estas dúas prazas van seguir estando neste centro de saúde" e asegurou que "non hai ningunha intención que iso non sexa así" se non que, ao contrario, búscase reforzar a área de enfermaría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.